O BNG leva ao pleno do Parlamento o peche do paridoiro do Hospital de Verín e o desmantelamento das urxencias pediátricas
A viceportavoz do grupo parlamentar, Olalla Rodil avanzou os asuntos que serán tratados no vindeiro pleno entre os que destacou, unha proposición non de lei do BNG contra a decisión do Goberno galego para pechar o paridoiro do Hospital de Verín e desmantelar o servizo de urxencias pediátricas do centro. Neste sentido, afirmou que o BNG ofrecerá “unha segunda oportunidade a Feixóo para que rectifique”, oportunidade que estenderá aos deputados e deputadas de Ourense que discrepan da decisión.
Para a deputada, as voces cricas do PP son acertadas pero “non chegan as palabras e o que realmente importan son os feitos”. A nacionalista, lembrou que as consecuencias do peche do servizo terá graves consecuencias como aconteceu esta pasada madrugada ante a asistencia dun parto de urxencia que de non ser polo xefe de xinecoloxía, a crianza nacería nunha ambulancia. Pedímoslle á Xunta que “deixe de xogar coa saúde e os dereitos das mulleres”, afirmou Rodil.
Por outra banda, o BNG, a través da súa portavoz nacional, Ana Pontón, preguntará ao Presidente da Xunta sobre o proxecto impulsado pola ABANCA para crear unha universidade privada. A xuízo da parlamentaria do BNG, “Galiza non precisa unha universidade ao servizo de ningún banco, o que necesita é que a Xunta defenda a universidade pública que leva soportando recortes durante dez anos”. O BNG preguntará a Feixóo por que se prega aos intereses dunha entidade financeira en vez de escoitar as demandas dos tres reitores das universidades públicas galegas.
O BNG tamén levará ao pleno a folga do ensino convocada por todas as organizacións sindicais para reivindicar o horario lectivo. O BNG xa amosou o seu apoio ás demandas do profesorado galego e volverá a reiteralo a través dunha proposición non de lei para instar á Xunta a abrir un proceso de negociación coas forzas sindicais. O profesorado, explicou a deputada, “non pide traballar menos, pide máis tempo para atender ao alumnado con dislexia con TDAH, con adaptación curricular ou que non naceu en Galicia e necesita adaptación e aprendizaxe. Trátase pois de “mellorar a calidade” do ensino e especialmente público”.
Outro dos asuntos sobre o que preguntará o BNG é o referido ao informe do Consello de Europa sobre a situación da lingua galega e o grao de cumprimento da Carta europea de linguas minorizadas.
Neste aspecto, asegurou Rodil, o Consello de Europa é contundente: “A Xunta ten que derrogar, de maneira inmediata, todas as limitacións legais que existen actualmente que impiden impartir docencia en galego e garantir os dereitos lingüísticos mesmo dende o ensino infantil”.
O decreto do plurilingüismo é unha “vulneración flagrante dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos” e as súas consecuencias están á vista como reflicte o último estudo do IGE: Un de cada catro menores de 15 anos non sabe falar galego e o 30% non sabe escribir nesta lingua.