BNG leva ao pleno do Parlamento o incremento do custe da vida, a creación de vivenda pública, máis medios para a saúde mental e axudas pola seca
Olalla Rodil afeou que o PP persista en afirmar que todo vai ben cando miles de familias están a soportar unha grave situación económica por mor do incremento de prezos
Alertou da insuficiencia de persoal e medios para atención da saúde mental como reflicte a unidade do HULA, referencia para 40.000 menores da provincia cun reducido cadro de persoal
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil adiantou os asuntos que defenderá o BNG na vindeira sesión plenaria prevista para os días 30 e 31 de maio no Parlamento galego.
Rodil sinalou que unha das grandes preocupacións da sociedade galega é o incremento do custe da vida e nesta liña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará a Alfonso Rueda como valora a situación económica e que medidas ten previstas o goberno galego para paliar a dramática situación que soportan miles de familias e persoas en Galiza.
A viceportavoz do BNG criticou que o PP persista en afirmar que “todo vai ben” cando a sociedade galega constata como acceder a unha vivenda significa ter que destinar o 30% do salario. A vivenda, dixo, está converténdose “nun luxo” e pagar o aluguer dunha vivenda de dúas habitacións representa hoxe, para a maior parte das galegas e galegos, gastar para esta necesidade, o 30% do salario.
Outra das grandes preocupacións, explicou a nacionalista refírese a situación da sanidade pública, “unha sanidade contra as cortas despois de 14 anos de permanentes recortes do Partido popular”. Nesta liña, anunciou que o BNG preguntará ao goberno pola insuficiencia de medios e unidades para a atención de psiquiatría infanto-xuvenil a pesar de que o PP continua “gabándose ” das que creou en Lugo e Vigo, totalmente “insuficientes tendo en conta ademais a ausencia de psicólogas e psicólogos clínicos en Atención Primaria”. Sobre esta cuestión, aludiu a Unidade do HULA, “referencia para as case 40.000 persoas menores de idade que viven nesta provincia” e que conta con “dúas psiquiatras, dúas psicólogas, dúas enfermeiras, unha terapeuta ocupacional e unha traballadora social”. Para a deputada son recursos humanos totalmente “insuficientes para atender un problema enorme que afecta a cada vez máis persoas menores de 16 anos”.
Neste ámbito, na vindeira sesión plenaria, o BNG demandará, a través dunha proposición non de lei, “Incrementar a dotación de persoal da unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do HULA para garantir a correcta atención á saúde mental da poboación máis nova”.
O BNG demanda situar a vivenda publica no 5%
Os problemas da vivenda será outro dos temas a debater cunha moción destinada a defender o dereito a vivenda a través da “creación de vivenda pública en Galiza até situala no 5%”.
Olalla Rodil preguntou que fixo o Partido popular durante estes anos tendo en conta que no 2014 a vivenda de promoción pública foi 0 ao igual que nos anos, 2015,16 e 17 e no ano 2018, 1, como reflicten os datos facilitados polo Observatorio estatal da vivenda e unha vez máis, criticou, “non dispoñemos de datos máis actualizados porque o goberno galego non os fai públicos”.
Este é o panorama que deixan 14 anos de Goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza e que explican que no noso país haxa “16 mil persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda” agardando acceder a unha, recalcou Rodil.
Finalmente, o BNG preguntará ao goberno sobre os prexuízos da seca nas explotacións agro-gandeiras galegas e pola “discriminación que van sufrir nas axudas aprobadas polo Goberno español para paliar as perdas”. As explotacións galegas, explicou a nacionalista, só poderán acceder a axudas un 75% inferiores ao resto do Estado porque, “segundo España, non estamos tan tal”. Van pouco polo Macizo central galego, ironizou e criticou que os criterios de fixación das axudas non se vinculen á realidade hidrolóxica.