BNG leva ao pleno do Congreso o debate e votación para o recoñecemento de incapacidade coa diagnose da silicose
Néstor Rego defenderá a aplicación de coeficientes redutores para a xubilación das persoas traballadoras da extracción e a transformación da pedra
A moción debaterase e votarase no pleno a vindeira terza feira, após a interpelación realizada polo BNG á Ministra de Seguranza Social esta semana
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá a moción relativa aos coeficientes redutores para a xubilación das persoas traballadoras do sector da extracción e a transformación da pedra, así como o recoñecemento de Incapacidade Permanente coa diagnose da silicose. Após a interpelación realizada esta semana á Ministra, e existindo sentenzas xudiciais que recoñeceron esa equiparación, o BNG reclamará no pleno que a Seguranza Social inicie os trámites de reforma normativa que permitan a aplicación xeral.
Despois da interpelación de Néstor Rego á nova Ministra de Seguranza Social, Elma Saiz, a organización nacionalista leva ao pleno do Congreso o debate e votación dunha moción en que se insta ao Goberno a que “adopte as medidas e modificacións lexislativas necesarias para dar solución ás traballadoras e traballadores do sector da extracción e a transformación da pedra diagnosticadas de silicose”.
En opinión do deputado nacionalista, é hora de que o Goberno comece a concretar os pasos dará para “resolver este problema e facer xustiza”. Neste sentido, Rego lembra que xa o Congreso aprobara unha Proposición Non de Lei presentada polo BNG en 2009 que contou co apoio unánime da cámara baixa. “Catorce anos despois, a pesar de existiren sentenzas xudiciais que recoñeceron xa a equiparación, a Seguranza Social segue sen recoñecer este problema e sen iniciar os trámites para resolver esta inxustiza.
“O Goberno debe revisar os actuais coeficientes redutores asignados de modo que, cando menos, se equiparen os das categorías da minería exterior -ao descuberto- cos da minería interior regulados no Real Decreto 2366/1984” avanza Rego. Este RD, tamén citado durante na pasada interpelación, estipula a redución da idade de xubilación de determinados grupos profesionais incluídos no ámbito do Estatuto do Mineiro, aprobado polo Real Decreto 3255/1983, de 21 de decembro.
Así mesmo, a organización nacionalista defenderá estender aos traballadores e traballadoras de empresas de transformación de mineral “a asignación de coeficientes redutores para a idade de xubilación xa que os niveis de po e ruído son similares aos da industria extractiva”, tal e como queda reflectido en diversos estudos e medicións realizados por organismos oficiais e mesmo sendo un dereito recoñecido pola xurisprudencia.
“Dentro do sistema da Seguranza Social débese asignar un código identificador ás empresas que desenvolvan a súa actividade no sector da extracción e transformación da pedra -como son o granito e a lousa-, para que nos informes de vida laboral se identifique automaticamente esa actividade” especifica Rego. Esta proposta favorecería a que o traballador ou traballadora puidese acreditar unicamente o posto de traballo desempeñado e non a actividade da empresa á hora de efectuar o cálculo da idade de xubilación. “Trátase de evitar, como sucede na actualidade, que o traballador teña que recorrer á solicitude individualizada de asignación de coeficientes de empresa por empresa” subliña o deputado do BNG.
Por último, a organización nacionalista exixirá ao Goberno que estabeleza as modificacións lexislativas necesarias para que se recoñeza a situación de Incapacidade Permanente Total ás persoas traballadoras diagnosticadas de silicose de primeiro grao. “Esta medida daría solución á situación das persoas traballadoras que non poden acceder a outro posto de traballo exento de risco de exposición á inhalación de po silicótico dentro da mesma empresa” finda.