Parlamento Galego

O BNG leva ao Parlamento a situación dos escolares do colexio de Lobios e a supresión de pediatría na Baixa Limia

Celanova
O deputado do BNG por Ourense, Iago Tabarés, denuncia a distribución arbitraria dos escolares de infantil no colexio de Lobios xunto a supresión do servizo de pediatría nos concellos da comarca da Baixa Limia, dándolle trasladado ao Parlamento galego para demandar solucións á Xunta de Galiza. 

Actualmente, no Centro de Educación Infantil e Primaria do Xurés, sito no Concello de Lobios, na etapa correspondente a Educación Infantil constan matriculados un total de 22 nenos e nenas. En concreto, 5 de 3 anos, 6 de catro anos e 11 de 5 anos, os cales están agrupados en dúas aulas, sorprendentemente, unha con 5 nenos e nenas, e a outra con 17.

Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense afirmou: “para o BNG tal agrupación implica unha masificación innecesaria e un risco superfluo para as escolares de 4 e 5 anos, que están obrigadas a partillar 17 un aula cando é perfectamente posible unha distribución totalmente equilibrada, cando menos, numericamente. Xuntando aos rapaces de 3 anos cos de 4 acadarían un número idéntico aos de 5 anos de idade. Esta distribución acadaría unha ratio moito máis razoable en ambos casos, reduciría o risco de contaxio, dispondo de maiores posibilidades para o distanciamento interpersoal.”

Engade o nacionalista que “por outra banda, non consta que existan razóns educativas ou doutra índole que aconsellen unha distribución diferente, que, en todo caso, atendendo ao momento que estamos a vivir posiblemente deberían decaer ou ocupar un segundo plano, sendo prioritaria a adopción de medidas preventivas e de evitación de contaxio.

 Polo que o BNG ven de rexistrar esta situación no Parlamento de Galiza e demandará desde a institución solucións á Xunta de Galiza.

Pediatría na Baixa Limia. Dun servizo en precario á súa extinción.

Iago Tabarés rexistrou no Parlamento galego unha proposición non de lei ante eliminación do servizo médico de pediatría co que contaba a Baixa Limia en Bande, e que había todos os mércores. “Xa non sendo un servizo de calidade, ao poder acudír un só día á semana agora foi totalmente eliminado.”

Agora a poboación dos concellos de Lobios, Lobeira, Entrimo, Muíños e Bande ante calquera eventualidade dos seus nenos e nenas vese obrigada a desprazase e concentrarse en Celanova, desprazamento que pode supor a obriga de percorrer até 100 km para acceder a referida consulta pediátrica. 

 Para Iago Tabarés, “estamos ante unha nova redución de servizos no medio rural, que unha vez máis atinxe a servizos tan básicos e esenciais como son os de asistencia médica, non sendo a primeira vez que se deixa sen servizo de pediatría á comarca da Baixa Limia”.

“Para o BNG a necesaria defensa do medio rural pasa por un asentamento racional da poboación, pola adopción de medidas contra o despoboamento, algo que é de todo punto incompatible coa supresión, temporal ou definitiva, de servizos públicos; sendo os de carácter sanitario os que primeiro debemos atender, manter e coidar.” Declaraba Iago Tabarés.

 Por estas razóns o grupo parlamentario do BNG demanda no Parlamento galego que Xunta de Galiza restableza de inmediato as consultas do servizo médico de pediatría no centro de saúde de Bande.