O BNG leva ao Parlamento a situación da toxicidade da auga no encoro do Umia en Caldas de Reis
Advirte que se trata dunha problema de saúde pública e ambiental que afecta a 150.000 persoas nas comarcas de Caldas e do Salnés
O BNG levará ao próximo pleno do Parlamento unha interpelación ao Goberno da Xunta para abordar o problema de toxicidade no encoro da Baxe no río Umia.
A declaración de utilidade pública para este encoro de Caldas de Reis apelaba ao abastecemento de auga e á contención de enchentes, pero agochaba na práctica un aproveitamento hidroeléctrico para beneficio dunha empresa e, ademais, trouxo a invasión nas augas da alga tóxica microcristais aeroginosa, unha cianobacteria que produce a microcistina, unha toxina difícil de detectar, de eliminar e de efectos acumulativos.
“Unha gravísima toxicidade da auga que ven a ratificar que o encoro non é a solución senón o problema para o abastecemento de auga non só de Caldas, senón de toda a comarca do Salnés”, destaca a deputada por Pontevedra Montse Prado na iniciativa parlamentaria. Segundo a Xunta, desde mediados de agosto hai presenza de microcistina en todos os puntos de mostraxe do Umia: A Baxe Presa, a Baxe cola, Segade, Rabuñade, Ponte Baión e Ponte Arnelas.
“Estamos diante dun problema de saúde pública e ambiental que afecta arredor de 150.000 persoas das comarcas de Caldas e do Salnés, que se abastecen de auga para o consumo do río Umia”, recalca Prado, quen critica a inacción do Goberno galego “a pesar da alerta”.
Pola información da que dispón o BNG, ningún dos puntos de captación, nin as estacións depuradoras dispoñen de sistemas de depuración efectivos contra esta bacteria, xa que só usan cloro e non carbono.
A OMS advirte de que aínda con doses pequenas esta toxina provoca importantes danos para a saúde, polo tanto, a presenza na auga de calquera cantidade desta bacteria ten que ser obxecto de preocupación, máis se a concentración é en niveis tan elevados como os que se rexistran no encoro.
Pese aos máis de 20 M€ investidos no Plan de xestión integral do Umia o problema persiste, razón pola que o Bloque preguntará en pleno ao Executivo do PP polas medidas para garantir a información e a protección da poboación que se abastece de auga do encoro, ao tempo que denuncia que dúas mostras mensuais da auga son insuficiente para facer un seguimento da presenza e evolución da alga tóxica.
O BNG tamén quere que a Xunta aclare se considera preciso limitar o uso da auga tanto para baño como para consumo, se vai dotar cando menos de filtros de carbono os puntos de captación e depuración do encoro e, en última instancia, se vai desmantelar o encoro da Baxe e rescatar a concesión hidroeléctrica, tendo en conta que as persoas expertas consideran que é a única solución á proliferación da microcistina.