BNG leva ao Parlamento a situación da estrada LU-651 instando á Xunta a acometer os arranxos necesarios
O Bloque Nacionalista Galego instou no Parlamento arranxar de modo íntegro e real a estrada LU-651 tendo en conta os problemas de seguridade viaria que presenta actualmente.
O deputado Iago Suárez considera que “esta situación inaudita e indignante é unha verdadeira neglixencia por parte da Xunta de Galiza” e que a utilización dos fondos que se reciben para manter a vida nas montañas do Courel “debían empregarse para acometer actuación reais de arranxo integral da estrada LU-651 á maior brevidade posíbel”.
No ano 2022 esta vía derrubouse, “provocando un enorme prexuízo á poboación da zona e deixando practicamente incomunicada a veciñanza da serra do Courel” explicou Iago Suárez. Ante a proximidade de procesos electorais, a Xunta de Galiza apresurouse a acometer “arranxos non integrais en lugar de investigar as causas da caída desta estrada”, tampouco valorou as posibilidades de trazados viables, nin a variación das actividades extractivas na zona.
“O goberno do PP habilitou nos últimos días un trazado alternativo a todas luces perigoso e dificilmente transitábel para a grande maioría de vehículos”. Un trazado tan sumamente perigoso que “levou a suspender o transporte escolar por este trazado ante a falta de garantías de seguridade para o alumnado e persoal”. O deputado nacionalista salientou que “a solución que deu a Xunta ás familias é que sexan elas mesmas as que leven o estudantado aos centros educativos ou que directamente non acudan ás aulas”.