BNG leva ao Parlamento a situación "agónica" da hostalaría e autónomos e reclama axudas reais e áxiles
O BNG acadou hoxe un acordo para instar ao goberno central a aprazar os pagos do IRPF e IVE do cuarto trimestre de 2020, até doce meses. Ampliar o prazo dos pagos fraccionados do imposto de sociedades, aplicar un IVE reducido do 4% para o sector da hostalería e do turismo e establecer condonacións especiais no pago das cotas empresariais á seguridade social correspondentes ao tempo de peche e de redución drástica da actividade dos e das traballadoras autónomas afectadas polas consecuencias económicas da COVID. O acordo acadado hoxe a través da deputada do BNG, Carmela González tamén reclamaba impulsar actuacións para prorrogar un ano o período de amortización e carencia dos préstamos ICO.
Na súa intervención, a nacionalista defendeu un segundo punto que foi rexeitado polo Partido popular para instar á Xunta a negociar coas entidades bancarias o aprazamento dos pagos dos créditos solicitados polo sector así como poñer en marcha actuacións de promoción e estímulo nas cidades, por ser as máis afectadas polas restricións derivadas da covid-19, tanto no sector da hostalería coma do turismo. O punto incluía abrir unha liña de axudas directas, como mínimo con 30 millóns de euros para o sector da hostalería e do turismo co fin de compensar o 50% das perdas ocasionadas polo peche dos negocios.
Na defensa da moción, a nacionalista reiterou que as entidades bancarias foron axudadas e rescatadas na crise de 2008 e agora a cidadanía necesita “que arrimen o ombreiro” porque a actual situación, dixo, exixe esa “correspondencia” dos bancos e urxe ofrecer un futuro e estabilidade aos sectores máis afectados pola COVID.
A hostalaría, explicou a deputada, leva 8 meses padecendo unha “crise económica insostible” e as axudas son insuficientes. Das 10.700 solicitudes que se fixeron nas primeiras 30 horas de apertura do prazo, son só a punta do iceberg da cantidade de persoas que precisan estas axudas, e as contas non dan xa que segundo os datos da Xunta son 30M€ para 30.000 autónomas e autónomos do país, polo que cada un recibiría 1.000€, “a metade dos 2.000€ que prometeron”.
A deputada volveu a reclamar axilidade nas axudas e incrementar o número para dar resposta á demandas do sector da hostalería, turismo e pequenas e medianas empresas. Hai que fuxir dos anuncios e poñer en marcha un Plan de rescate con medidas reais e publicadas no DOG, concluíu.