O BNG leva ao Parlamento o retraso na concesión de prazas nos campamentos de verán para persoas con discapacidade
No caso concreto do Campamento de Gandario para agosto, ás familias non teñen información algunha a unha semana do inicio
O BNG traslada ao Parlamento a tardanza e a falta de información en comunicar ás familias se van poder contar con prazas nos campamentos de verán convocados pola Xunta para persoas con discapacidade, o que está a xerar problemas de conciliación familiar e laboral.
A Consellaría de Política Social realizou, como cada ano, a convocatoria de campamentos específicos para persoas con discapacidade, con datas de programación entre o 1 de xullo e o 12 de setembro, e poden solicitarse en períodos dunha duración de 10 días. Van dirixidos a persoas de entre 11 e 40 anos cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. O prazo de presentación de solicitudes para participar rematou o 30 de maio.
A demora na comunicación ás familias é habitual desde fai varios anos, pero as familias denuncian que en 2018 xa se traspasaron todos os límites aceptábeis nunha cuestión que repercute na conciliación e ao ocio deste colectivo de mozos e mozas.
Segundo a información que trasladan as familias, as que solicitaron quenda en xullo foron avisadas da súa concesión o día anterior a incorporarse, e a 24 de xullo todas as familias que solicitaron praza para agosto no caso concreto do Albergue de Gandarío non teñen aínda ningunha comunicación.
Segundo trasladan as persoas afectadas ao BNG, cando as familias se dirixían por teléfono para pedir información se lles contestaba que aínda non se sabía por que non había empresa para realizar este labor. Ás familias que se dirixiron hoxe díxoselles que tiñan “prohibido” dar información sobre estes campamentos específicos.
Campamento de Gandario
A unha semana do comezo da quenda de agosto no albergue de Gandarío as familias non saben se poderán ou non obter praza para o seu fillo ou filla, isto supón un gravísimo prexuízo tanto para a conciliación laboral e familiar como para poder dar respostas ás necesidades lúdicas e de esparcemento destas mozas e mozos con diversidade funcional.
Neste contexto, o BNG leva o tema ao Parlamento solicitando á Xunta que comunique de inmediato ás familias se obtiveron praza nos campamentos de agosto para persoas con discapacidade, que se depuren responsabilidades e que se tomen as medidas precisas para que esta situación non se volva repetir en vindeiras convocatorias.