O BNG leva ao Parlamento a resposta do comisario de medio ambiente europeo sobre o aumento do eucalipto en Galiza
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas trasladou hoxe ao Parlamento galego a resposta á eurodeputada do BNG, Ana Miranda por parte do comisario europeo de Medio Ambiente sobre o “aumento de especies invasoras pirófitas e en concreto do eucalipto en Galiza”. A resposta do comisario europeo, dixo Rivas foi que “O programa de desenvolvemento rural da rexión, exclúe o aumento da superficie forestal desta especie”.
Na súa opinión, a medida europea bate frontalmente coas previsións da Revisión do Plan Forestal que prevé un incremento en eucalipto do 8% en masas puras e do 26% de masas mixtas polo que preguntou ao conselleiro de Medio Rural pola superficie total forestada de eucaliptos e si existen datos fiábeis ao respecto porque nos últimos 10 anos desde o Informe Forestal III do 1998 ata os do Informe IV do 2009 prácticamente “duplican as Has”.
Por outra parte, nos últimos dez anos non foron actualizados os datos e lembrou que a propia Consellería recoñecía nun escrito no ano 2017 que nos últimos 10 anos a superficie de eucalipto nitens víñase “incrementando a un ritmo de 12.000Has por ano”.
¿Que datos trasladan da súa Consellería á Comisión europea? Os de hai dez anos? Os do novo Plan Forestal? Saben nesa Comisión que a realidade do noso País son masas monoespecíficas ou biespecificas pirófitas de centos e centos de Has sen discontinuidade?
Saben nese programa de desenvolvemento rural europeo que aquí “pisamos sobre un basto polvorín, sobre un territorio sen ordenación nin silvicultura froito das políticas forestalistas dunha poderosa e caciquil pasteira, ENCE”, afirmou o deputado.
Saben en Europa que en Galicia andamos a voltas coa Revisión do Plan Forestal que dá validez á conculcación sistemática das previsións do mesmo, é dicir que establece coma punto de partida o incumprimento do Plan forestal?
En 4 décadas a superficie ocupada polo eucalipto multiplicouse por dez pasando de “27.639 a 287.983 Has só en masas puras”. O resultado é un País, o noso, coa color verde oliva suxa onde os lumes están á orde do día e a Superficie Agraria Útil ronda só o 21%
O deputado do BNG lamentou que unha vez máis, o conselleiro de Medio Rural eludira responder as cuestións formuladas e considerou que a Consellería que dirixe José González “débelle a este país tan castigado polos lumes unha ordenación do monte e o seu aproveitamento multifuncional”, poñer en valor, dixo, a grande riqueza e potencial do monte galego, concluíu.