O BNG leva ao Parlamento os problemas de cobertura da comarca de Monterrei
Noa Presas “é unha vulneración dos dereitos da poboación do rural e unha mostra da incompetencia de Xunta e Estado”
O BNG pide medidas diante da falta de cobertura telefónica e de internet que padece a veciñanza da Veiga do Seixo e O Seixo entre A Gudiña e O Riós.
A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, sinala que “o BNG vén de rexistrar iniciativas no Parlamento Galego para demandar de Xunta e Estado traballar coordinadamente e colaborar en procurar unha solución para a veciñanza afectada pola falta de cobertura telefónica e de internet no Seixo (A Gudiña) e o Seixo da Veiga (Riós) e demandar así mesmo da compañía telefónica a disposición dos sistemas técnicos necesarios para facilitar unha boa cobertura telefónica e o acceso a rede de Internet cunha calidade aceptábel para o desenvolvemento da vida persoal e profesional”.
Desde o BNG recordan que “a pandemia amosou aínda máis as carencias tecnolóxicas no medio rural e non é admisible que no século XXI haxa persoas que poidan perder un traballo ou unha cita médica por non poder empregar o teléfono”. A deputada sinala que “malia os diferentes plans galegos e estatais, moitos deles financiados con cargo a fondos europeos de cohesión, Galiza continúa tendo importantes zonas coñecidas como “zonas de sombra” ou “zonas escuras” nas que a cobertura telefónica e de internet non chega ou non acada uns mínimos aceptábeis, como é neste caso. Así mesmo, o monopolio práctico que ten Telefónica do sector, dificulta esta situación. É evidente que esta non está a ser unha prioridade por parte das empresas tecnolóxicas mais tampouco dos gobernos.”
Na sociedade actual o acceso a unha rede de telefonía e de internet é un elemento básico e imprescindíbel para as e os veciños poderen desenvolver as súas vidas persoais e profesionais en condicións de igualdade de oportunidades. Non en balde, a propia Unión Europea consagrou en setembro de 2016 esta cuestión como un dereito fundamental. Por estes motivos, desde o BNG reclamarán medidas específicas para resolver esta situación e tamén “ter en conta a existencia desta e doutras posíbeis zonas de sombra na comarca de Monterrei-Viana á hora de desenvolver o Plan de Banda Larga de Galicia 2020 e as actuacións da AMTEGA”.