BNG leva ao Parlamento a precariedade sanitaria do Baixo Miño e O Rosal e reclama medios e recursos humanos para os centros de saúde
A través dunha pregunta parlamentaria, o deputado do BNG, Manuel Lourenzo preguntou ao conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña polas condicións do traslado dunha paciente do Rosal, o pasado 20 20 de maio, en padiola e polas rúas ante a falta de ambulancias e persoal médico.
Tras as explicacións do conselleiro, o deputado do BNG amosou unha fotografía publicada en diversos medios de comunicación para constatar como unha paciente era trasladada en padiola polas rúas do Rosal para ser recollida por un helicóptero ante “unha grave falta de efectivos sanitarios e medios técnicos” que mesmo obrigaron ao devandito helicóptero a realizar catro servizos nunha mesma semana.
O acontecido con esta paciente, dixo o deputado do BNG, “é inadmisible”. “Unha cama percorrendo as rúas do Rosal, un helicóptero aterrando primeiro no campo de fútbol e despois nun aparcamento de coches mentres a paciente era atendida por unha profesional xubilada. Ante esta realidade inaudita, criticou, o nacionalista, o conselleiro de sanidade comparece no Parlamento “sacando peito” coa intención de non facer mención aos recortes e sobre todo para tapar a “indignidade política do Partido popular” e a “falta de escrúpulos” dun goberno que antepón a propaganda á saúde dos veciños e veciñas do Rosal.
O seus recortes, recalcou Lourenzo, “poñen en risco ás familias do Rosal” porque se esa paciente puido ser estabilizada foi grazas a atención dunha profesional, “médica xubilada” que se atopaba sóa naquel momento no centro de saúde ante a ausencia de médicos no centro por ter que acudir a unha urxencia.
Esta profesional, explicou, non estaba obrigada a atender urxencias e salientou que de tres médicos adscritos ao centro de Saúde, a día de hoxe, “só hai un no Rosal”.
Tras saudar á alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, presente no debate da pregunta parlamentaria dende a tribuna do público, Lourenzo recalcou que a situación sanitaria no Baixo Miño é tan “grave” que a veciñanza non está disposta a tolerar máis propaganda e preguntou que medidas concretas está disposta a implementar a consellería para resolver esta precariedade sanitaria.
De tres médicos no centro do Rosal, reiterou, só hai un a día de hoxe e mentres isto acontece o Partido popular mantén pechado o consultorio de Tabagón dende hai meses.
Pero esta situación, lamentou o deputado do BNG, lonxe de mellorar empeora cando o goberno do Partido popular xa anuncio o desmantelamento do segundo equipo do PAC de Urxencias da Guarda, e pola súa parte, a consellería asume que os nenos e nenas da zona carezan dun ou dunha pediatra dende o mes de abril de 2021, sen tomar ningunha medida para resolver este problema.
A maiores, engadiu, a propia consellería de sanidade anunciou que a cobertura sanitaria durante este verán “vai a ser moi difícil”, isto a xuízo do nacionalista significa que 6.500 veciños e veciñas non terán asistencia sanitaria nos centros de saúde, “inadmisible, se mire por onde se mire”, concluíu.