O BNG leva ao Parlamento as irregularidades da planta de biomasa de Melide
Acusa ao INEGA de falta de rigor e transparencia e pide que compareza o director Xeral de Enerxía para explicar as subvencións dun proxecto con indicios de falsidade
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o deputado, Xosé Luís Rivas, o portavoz municipal, Xesús Pereira e representantes da plataforma veciñal contraria á instalación da planta de biomasa, de Melide visitaron hoxe os terreos de Tenza de Martagona, previstos para instalación da planta na actualidade paralizada por indicios de falsidade documental no proxecto técnico.
Ana Pontón avanzou que o BNG solicitará no Parlamento galego o expediente do proxecto e a comparecencia do director Xeral de Enerxía, Angel Bernardo Tahoces en relación ás irregularidades detectadas nun proxecto “financiado con recursos públicos”.
Para a portavoz do BNG, resulta ilóxico que “as ilegalidades sexan financiadas con fondos públicos. A administración, recalcou “non pode mirar para outro lado e a Xunta de Feijóo debe dar a cara e explicar a utilización de fondos públicos en ilegalidades”
Pontón lembrou que a plataforma de veciños e pais e nais do alumnado do colexio de Martagona detectou as irregularidades que foron denunciadas tamén polo BNG en Melide. “No Parlamento pediremos explicacións porque todos os cidadáns teñen dereito a saber en que se utilizan os cartos públicos”, afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.