BNG leva ao Parlamento a falta de médicos e médicas de familia no Centro de Saúde da Guarda e pide ao Sergas que cubra as prazas
A deputada do BNG, Iría Carreira formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre a falta de médicas e médicos de familia no Centro de Saúde da Guarda ao que sumou as deficiencias estruturais do edificio que ameazan a seguridade das persoas usuarias. “Fendas nas paredes, goteiras ou caída de cascotes dos teitos”, dixo, son algunhas das eivas que se poden observar no centro de Saúde.
Na súa intervención, a deputada do BNG incidiu na “infradotación” de médicos e médicas de familia e explicou que das 8 prazas de médicas vinculadas ao centro, na actualidade só 6 están ocupadas e durante o verán foron 4 e nalgúns momentos menos polo que pediu a “inmediata restitución das prazas sanitarias suprimidas” no concello da Guarda.
O Centro de Saúde, explicou a nacionalista leva meses funcionando cun número de profesionais que deben enfrontarse ás circunstancias de pandemia e xa non só ás patoloxías habituais, “deben atender tamén a pacientes afectados por COVID e tramitar a burocracia das incapacidade laborais para illamentos domiciliarios”.
Carreira salientou que non se cobren as xubilación ou prazas vacantes, tampouco as vacacións nin as baixas de longa duración nin permisos de maternidade.
Para a deputada, o goberno galego non actúa “con axilidade”, a pesar de coñecer a notificación das vacacións con meses antelación. O único que fai o Sergas é recorrer á figura da “intesusbstitución” para manter a aparencia de normalidade con citas de pacientes, a maiores, das xa programadas polo que resulta frecuente a coincidencia de pacientes á mesma hora da cita e no cómputo final ver a 40,50 ou 60 pacientes aínda que esa axenda non teña tantos ocos.
No caso da Guarda, reiterou, iso está “cronificado” porque levan meses traballando menos médicas das asignadas. O Centro de Saúde da Guarda
presta asistencia a unha área xeográfica bastante extensa e a unha distancia considerable do hospital de referencia, Vigo está a 45 ou 50 minutos. Esta circunstancia inflúe cando unha profesional debe atender unha urxencia domiciliaria porque implica estar fora do centro, polo menos, 2 hs ao ter que ser trasladada a paciente ao Hospital.
O mesmo ocorre, dixo a nacionalista co PAC que funciona cun único equipo de médica e enfermeira. É dicir, que se durante a madrugada se dá esa mesma situación de urxencia en domicilio máis traslado a Vigo, “deixamos un centro sanitario durante 2h sen ningún tipo de persoal sanitario”.
O Sergas recoñece problemas para contratar persoal médico
Pola súa parte, o Xerente do SERGAS, José Manuel Flores respondeu á nacionalista que recollía todas as demandas formuladas hoxe na comisión de Sanidade e recoñeceu que existen graves problemas para dotar de persoal sanitario os centros de Atención Primaria. Flores afirmou que a prazas pendentes serán cubertas coa nova OPE.