BNG leva ao Parlamento Europeo a denuncia contra a instalación da macrocelulosa de Altri
Ana Miranda alerta do incumprimento da normativa europea do proxecto que pon en perigo a biodiversidade e o sector agrogandeiro de varias comarcas
No marco da ofensiva que está desenvolvendo o BNG contra a instalación da fábrica de celulosa e de fibras téxtiles da empresa Altri en Palas de Rei (Lugo), a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, anuncia a presentación dunha denuncia contra este proxecto na Comisión de Peticións da Eurocámara por incumprimento da normativa europea.
Nesta liña, a eurodeputada galega e vicepresidenta da Comisión de Peticións trasladou á Comisión Europea este posible incumprimento da normativa comunitaria -en concreto o artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852- por parte Altri a través dunha pregunta parlamentar. “Queremos saber se este proxecto incumpre a normativa europea, porque non podemos consentir que se concedan fondos europeos a un complexo que pon en serio perigo a biodiversidade e o sector agrogandeiro de varias comarcas”, manifestou Miranda no transcurso dunha visita que realizou á “zona 0” da instalación deste proxecto xunto con alcaldes e concelleiros do BNG dos concellos afectados, así como nun encontro con integrantes da plataforma Ulloa Viva.
Na pregunta parlamentar a eurodeputada do Bloque explica ademais que este proxecto está xerando gran preocupación en Galiza debido ao seu posible impacto ambiental e socioeconómico. A eurodeputada do Bloque sinala que a construción deste complexo está supeditado á recepción de axudas públicas dos fondos Next Generation, a través dos PERTE, que xa foi rexeitado en 2023 da convocatoria do PERTE de descarbonización industrial por incumprir a normativa europea, pero la compañía sigue optando a próximas convocatorias destes fondos de recuperación europeos.
“O elevado consumo de enerxía e auga; a posible contaminación no río Ulla e na Ría de Arousa; así como a dependencia da madeira de eucalipto e a perda de biodiversidade, son algúns dos aspectos que deberan ser considerados na avaliación medioambiental en caso de que este proxecto concorra a fondos europeos”, destaca Ana Miranda ao respecto da tramitación do proxecto.
Afectación da Rede Natura
Por outro lado, a eurodeputada nacionalista presentou outra pregunta á Comisión Europea informando de que a falta de ampliación da Rede Natura pode posibilitar a instalacións dun proxecto da empresa Greeenfiber, en concreto unha macrocelulosa nunha das lindes do ZEC ES11/0014 na Serra do Careón. “A Rede Natura hai anos debería ter sido ampliada e ao non facelo o Goberno galego do Partido Popular vulnerou as reiteradas advertencias europeas que a Comisión formulou desde 2011 para que a Xunta ampliara este espazo protexido”, sinala Ana Miranda.
Neste sentido, a eurodeputada galega acusa á Xunta de usar a ausencia de protección para promover proxectos “que atentan contra o medio ambiente e incumpren a normativa europea”. Precisamente en resposta ás preguntas formuladas por Miranda, a Comisión explicou en diversas ocasións que a contribución do Goberno galego á Rede Natura é unha das más baixas non só de España (27%), senón do conxunto da Unión Europea, cun 11,74% de superficie protexida.