O BNG leva ao Parlamento a “emerxencia laboral” da mocidade galega e propón un novo Plan de emprego
Santiago, 19 de novembro , 2020. O BNG defendeu hoxe no Parlamento galego a elaboración dun novo Plan de emprego para a Mocidade ante a situación de precariedade agravada polas consecuencias económicas da pandemia. O parlamentario autor da iniciativa, Paulo Ríos lamentou o voto en contra do partido popular e cualifico á Xunta de “ETT de traballo precario para a mocidade”.
Na defensa da proposta, o deputado nacionalista, Paulo Rios solicitou dotar de orzamento o plan para dar alternativas laborais a unha mocidade afectada gravemente pola temporalidade e precariedade e en moitos casos, dixo, en situación de ERTE.
O parlamentario cualificou de “inasumíbel” para un país a destrución de emprego xerado pola pandemia e asegurou que neste contexto tan desfavorable a mocidade é obrigada a emigrar para optar a un traballo nunhas condicións “menos precarias”. Neste sentido, lembrou que, a maiores dos efectos da COVID, na última década emigraron de Galiza 216.413 persoas con idades entre os 16 e 54 anos das que 79.529 eran mozos e mozas de 16 a 29 anos.
A mocidade galega en emerxencia laboral
Para o deputado, a mocidade galega vive unha “situación de emerxencia”, con taxas de desemprego do 26,1% e grandes dificultades dificultades para acceder a un primeiro emprego con contratos temporais e xornadas parciais. No ano 2020 afirmou, “a mocidade galega asinou 118.000 contratos de traballo dos que só o 7,2% foron de carácter indefinido e o 90,6% contratos temporais” como reflicte o Instituto Galego de Cualificacións.
Pola súa parte, a portavoz popular, Sandra Vázquez destacou o éxito da xestión do goberno no ámbito laboral da xuventude ao que o deputado nacionalista replicou que a “Xunta non pode ser unha ETT de traballo en precario para a mocidade” e recalcou que os datos reflicten unha realidade moi distinta á que defende o Partido popular.
O nacionalista insistiu en que os datos “non son bos” pero o Partido popular empéñase en “botar balóns fora” e defender unha mellora en todos os índices nos últimos meses polo que preguntou á portavoz popular si un 90,6 % de contratos temporais é un bo resultado e si o 46% de emprego destruído dende finais do ano 2009 até o 2019 sigue sendo un bo resultado. Ríos incidiu no “desanimo” da xente moza ante a inseguridade de acceder a un emprego e un posto de traballo precario. “A mocidade galega non está segura de ter unha estabilidade económica e laboral” e resulta máis grave aínda que o Partido popular responda con datos que nin sequera poden ser avalados polo Plan estratéxico de Xuventude 2022, remarcou.
O deputado afirmou que o PP vive nun mundo paralelo pero “á realidade gústalle impoñer o seu criterio” e a realidade é que a mocidade galega vive con “inestabilidade laboral, precariedade e condenada a marchar do noso país”. O PP persiste na súa “cegueira” e constatamos que os plans da Xunta son puramente “estéticos” e redúcense a transvasar cartos públicos a petos privados para contratar en precario.