BNG leva ao Parlamento a “discriminación” que supón para as crianzas do rural a mala xestión do transporte escolar
A deputada Carme Aira pide solucións para casos como os da rapaza de Pol que ten que andar seis quilómetros diarios entre a parada do bus e a súa vivenda
Advirte que coa xestión do Goberno do PP “non se contrarresta a perda demográfica e se desincentiva o traslado das familias ao rural”
A deputada Carme Aira levou hoxe a debate na Comisión 4ª do Parlamento a “discriminación” que sofren moitos rapaces e rapazas do rural por culpa do transporte escolar, con paradas demasiado afastadas das súas vivendas, ausencia de marquesiñas, problemas de seguridade, desprazamentos moi longos ou “madrugóns insoportables”, entre outras cuestións.
Carme Aira defendeu unha proposición non de lei para reclamar á Xunta do PP un estudo que permita adaptar as rutas de transporte ás necesidades das crianzas e das familias, e que as rutas sexan flexibles para poder modificalas periodicamente segundo as necesidades dos usuarios.
Para defender a súa iniciativa, a deputada do BNG expuxo un bo feixe de casos concretos de nenos e nenas do rural que sofren os problemas do transporte escolar. Referiuse, por exemplo, a unha rapaza da Aldea de Milleirós, no Concello de Pol, que, no canto de coller o bus na parada que hai a trescentos metros da súa casa, ten que desprazarse tres quilómetros ás sete e cuarto da mañá para coller o bus e outros tres á volta, “á luz dun foco, por unha estrada co risco de sufrir un accidente por atropelo ou ben sufrir outro tipo de agresións”, asegurou Aira.
Nalgúns casos, denunciou, a situación do transporte escolar leva mesmo ás familias a cambiar a súa residencia. É o que sucedeu na aldea de Piñeira, en Ribas do Sil (Lugo), que perdeu de acoller unha familia por ausencia de transporte escolar para unha rapaza que comezou o instituto en Quiroga. “Trece quilómetros separan a esta familia de instalarse na aldea”, precisou.
Aira enumerou outras situacións problemáticas en relación ao transporte escolar en Chantada, As Nogais, O Incio ou Sarria, todas na provincia de Lugo, “unha boa mostra” de que como as deficiencias deste servizo “chegan a condicionar a vida das familias” e supoñen una “clara discriminación” ás nenos e nenas do rural en relación cos das cidades, pois “dormen menos, van ao colexio máis cansos e pasan unha parte excesiva da súa vida dentro do autobús”.
A deputada nacionalista denunciou, neste sentido, que a xestión da Xunta do PP “non contrarresta a perda demográfica e desincentiva o traslado das familias ao rural” . “Ben parece -alertou- que estiveran traballando para que as familias do rural abandonen o uso do transporte escolar para xustificar despois que o suprimen”.
Na quenda de réplica ao PP, que votou en contra da iniciativa do BNG, Aira rexeitou os argumentos baseados en estatísticas e, fronte aos números, explicou que o obxectivo da súa iniciativa era dar solucións “ás persoas” .