O BNG leva ao Parlamento ás demandas do IES de Brión e doutros centros da comarca de Compostela
Olalla Rodil: “En todos a denuncia é a mesma, falta de docentes, masificación das aulas e peche de unidades como consecuencia dos recortes do PP”
O BNG abordará no próximo pleno do Parlamento as denuncias da comunidade educativa dos centros de ensino da comarca de Santiago no arranque de curso, denuncias coas que reclaman que se cubran todas as prazas necesarias de profesorado para evitar a masificación das aulas.
Trátase dun problema común do IES de Brión e dos CEIPs Barrié de La Maza en Santa Comba, Arcediago no Concello de Santiso, no CEIP de Roxos en Compostela ou no CEIP Castelao de Ordes, por falta de docentes, elevadas ratios de alumnado por aula ou peches de unidades.
“En todos estes centros a denuncia é a mesma: A masificación das aulas, unha situación que é consecuencia directa dos recortes do Partido Popular na educación pública”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, no caso concreto do IES de Brión, son tres docentes, no de Santiso un docente máis o que reclaman desde os centros educativos. “É inadmisible que a Xunta en vez de dotalos do profesorado necesario propoña que se siga recortando en proxectos educativos que mesmo foron premiados polo seu altísimo valor pedagóxico”, alegou.
O BNG pedirá explicacións e solucións á Consellaría de Educación para garantir un ensino de calidade, “porque non pode seguir mirando cara outro lado ante as demandas de pais e nais e do conxunto da comunidade educativa”, indicou Rodil, quen tildou de “indecente” que a Xunta non dote dos recursos suficientes a centros de ensino que están a aumentar a matrícula.
“Non pode facer oídos xordos como se non estivese a acontecer nada e as decisións políticas do PP na Xunta están a mermar a calidade educativa”, insistiu, tras recordar que a ANPA do IES de Brión mantén un peche en defensa das súas reivindicacións que o BNG secunda.