BNG leva ao Parlamento a contaminación das terras e augas na Limia polos abonos de granxas intensivas de aves e porcino e pide un “plan de urxencia” para recuperalas
O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís (Mini) Rivas, alerta da contaminación das augas e solos na Limia polos abonos procedentes de granxas de produción intensiva de aves e porcino.
O nacionalista anuncia que o BNG xa rexistrou varias iniciativas para reclamar ao goberno medidas para frear unha futura declaración de “Zona vulnerable” e, neste sentido, explica que xa dende o ano 2017 diversos colectivos ecoloxistas e sociais denunciaron a contaminación de augas e terras na Limia provocada polos estercos e xurros das granxas de aves e porcino, denuncias que foron abordadas na comisión de Agricultura do Parlamento, ante as cales, a Xunta creou a Mesa da Limia co fin de elaborar unha diagnose da situación problema. Tras as conclusións, o goberno anunciou a posta en marcha diversos proxectos que finalmente, afirma Mini, “non chegaron a realizarse”.
“Neste momento, remarca o nacionalista, pende sobre a comarca da Limia unha posible declaración de vulnerabilidade” parte do Tribunal de Xustiza de Europa tras unha denuncia da Comisión europea.
Ante a posibilidade da declaración europea de “Zona vulnerable”, os produtos xerados pola agricultura e gandería da Limia corren un grave risco xa que non gozarán da excelencia pola que son coñecidos. Ante esta circunstancia, dende o BNG exiximos á Xunta que de “maneira urxente”, deseñe e dote de recursos económicos “un Plan de recuperación de terras e augas da comarca da Limia” extensible a outra comarcas que tamén poidan estar afectadas polos estercos das granxas intensivas de aves e porcino, recalca o portavoz nacionalista de Agricultura. Neste sentido, reclama “unha moratoria urxente para a ampliación e instalación deste tipo de granxas”, proxectos de compostaxe para substituír os abonos de síntese, formación de “boas prácticas agrogandeiras” e sobre todo, un “apoio real” a gandería extensiva de vacún, ovino e cabrún da comarca e activar o “cultivo de 10 mil hectáreas abandonadas”, en cinco anos.
Rivas insiste na necesidade de “poñer coto” a prácticas lesivas para as augas da Limia e parar con medidas urxentes para rematar a contaminación de nitritos, nitratos e bacterias en augas subterráneas e superficiais procedentes das granxas de produción intensiva. Dende o BNG, recriminamos á Xunta, que dende o ano 2019 non puxera en marcha ningunha medida para impedir a declaración de vulnerabilidade. A Xunta, afirma o nacionalista, “non fixo nada, mirou para outro lado” e nin sequera solicitou a Europa un prazo para implementar medidas conducentes a parar a contaminación da Limia. Neste contexto, conclúe reclamando un “plan de urxencia” para recuperar as terras e as augas e avanzar nos modelos de compostaxe.