O BNG leva ao Parlamento a autorización do campionato de caza do raposo Láncara e Triacastela
Bará explica que o xefe de Patrimonio Natural non autorizou o campionato do día 11 e tras o a súa dimisión, esta semana, a Administración pública autorizou o do sábado día 18 de xaneiro
Esixe a Xunta de Galiza que cumpra o acordo aprobado no Parlamento por unanimidade para non colaborar con macrocacerías de raposos e iniciar cambios normativos para “prohibir estas matanzas disfrazadas de pseudoprobas deportivas”.
O deputado do BNG, Luís Bará rexistra unha batería de iniciativas ao fin de coñecer as razóns que levaron a Xefatura provincial de Patrimonio natural da Consellería de Medio Ambiente a denegar o campionato de caza do raposo en Monforte previsto para o sábado 11 de xaneiro e autorizar o campionato galego en Láncara e Triacastela o vindeiro día 18.
O parlamentario do BNG explica que o campionato provincial de caza do raposo de Lugo do sábado 11 de xaneiro, a celebrar en Monforte, foi suspendido pola organización por non contar coa autorización do Xefe do servizo de Patrimonio natural da consellaría de Medio ambiente de Lugo. Segundo unha comunicación da entidade organizadora aos socios, á que tivo acceso o BNG, o citado funcionario comunicou a denegación da autorización o día anterior, na súa opinión, “por motivos incomprensíbeis” e “sen tempo para alegar contra a resolución”.
Paradoxicamente, explica Bará, esta mesma semana producíase a dimisión do xefe de servizo, e acto seguido é autorizada a celebración do campionato galego, que vai ter lugar o vindeiro sábado 18 de xaneiro nos montes de Triacastela e Láncara.
O BNG preguntará no Parlamento se a dimisión do xefe provincial de medio natural de Lugo e a súa renuncia está relacionada coa denegación para autorizar esta proba e con que criterio a Administración pública autoriza o campionato galego do día 18 de xaneiro. O BNG, avanza Bará solicitou xa solicitou a documentación do expediente de denegación do campionato provincial e da autorización do campionato galego.
O BNG REXEITA A MATANZA INDISCRIMINADA E COMPETITIVA DE RAPOSOS
Máis alá do acontecido, o BNG fai público, unha vez máis o seu rexeitamento a matanza indiscriminada e competitiva dos raposos e demanda ao goberno da Xunta que prohiba esta actividade irracional, que non está xustificada por “criterios cinexéticos nin biolóxicos e que conta con un importante rexeitamento social”.
Para Bará resulta “aberrante” que se lle dea o formato de campionato deportivo competitivo por equipos, con fases previas provinciais e final galega. E que a proba consista na matanza indiscriminada do maior número de animais no menor prazo de tempo”.
ACORDO PARLAMENTARIO UNÁNIME PARA QUE A XUNTA NON COLABORE NAS MACROCACERIAS DE RAPOSOS
Cómpre lembrar que o pasado 1 de marzo de 2018, a intancias do BNG, o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa instando ao goberno a non apoiar os campionatos de caza do raposo. Por este motivo, “o BNG esixe á Xunta de Galiza que cese na súa colaboración coas macrocacerías de raposos e que se leven a cabo os cambios normativos necesarios para prohibir estas matanzas disfrazadas de pseudoprobas deportivas”.