O BNG leva ao Parlamento o aprazamento de 1.200 consultas de pediatría no Hospital de Ourense
A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG, Noa Presas acusou ao conselleiro de Sanidade de “ocular os datos das listas de espera de pediatría dos tres hospitais de Ourense”.
Para a deputada, resulta “inadmisible” que un neno ou nena da provincia de Ourense non teña os mesmos dereitos que noutras partes de Galiza. Nas comarcas ourensáns, explicou, hai 30.386 menores de 15 anos e acabamos de coñecer, a través dos medios de comunicación, que existen “1.200 citas de pediatría do Hospital de Ourense aprazadas”, segundo confirma o xefe de pediatría do CHUO.
Presas recriminou ao titular de sanidade de “ocultar os datos das listas de agarda nos hospitais de Verín e o Barco” polo que pediu que “dea a cara e faga públicas as listas do CHUO, do hospital de Verín e do hospital de Valdeorras”.
Non miren para outro lado e busquen solucións, recalcou a deputada. Precisamos outra política de atracción de persoal sanitario porque a que aplica o PP é “unha política fracasada”. Os e as pediatras de Ourense “non se evaporan”, moitos deles marchan a traballar a outras partes de Galiza, xa non o fan a outras partes do estado ou do mundo. Marchan porque hai mellores condicións e organización e iso constata “o fracaso da Eoxi de Ourense”.
Presas preguntou ao conselleiro polo recambio xeracional e puxo como exemplo o hospital de Verín. Cantos anos hai que saben vostedes que o persoal estaba próximo a xubilación e non fixeron nada? Hai moitos anos pero vostedes “teñen unha axenda oculta” para que no hospital de Verín nin se atendan nenos e nenas nin se atendan partos.
Sobre a situación do Barco de Valdeorras, a nacionalista afirmou que hai un grande número de consultas programadas suspendidas e foi o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza quen trasladou, entre outros problemas, que “de Ourense ao Barco non se chega en 20 minutos”.
A parlamentaria concluíu pedindo á consellería de sanidade que abandone a súa política de “desmantelamento encuberto” e condicións “abusivas” aos traballadores e traballadoras. Hoxe, dixo, ten vostede a oportunidade de comprometerse para que as crianzas de Ourense teñan garantías dunha atención pediátrica digna e propia. “Deste século e non do Medievo”.