BNG leva ao Congreso a subvención para a rehabilitación da Praza de Abastos de Ourense
O BNG vén de rexistrar iniciativas no Congreso para coñecer a dispoñibilidade do executivo estatal de chegar a un acordo co Concello de Ourense sobre a devolución da subvención da reforma da Praza de Abastos número 1 da cidade. A organización frentista quere saber se o Goberno do Estado aceptará as alegacións presentadas polo Concello ante o posíbel cambio no criterio do MITMA con respecto das prórrogas da subvención e que suporía ter que devolver a totalidade dos 1.4 millóns de euros e facer perigar o resto da subvención procedente de 1.5% cultural.
En febreiro, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana comunicou ao Concello de Ourense que incumprira os prazos de xustificación da subvención concedida no seu día para a reforma da Praza de Abastos da cidade. A administración municipal solicitou ao Ministerio non ter que devolver os máis de 1.4 millóns de euros concedidos, que corresponden cunha das anualidades da subvención (1.2 millóns) e cos intereses de demora (226.000 euros).
Neste sentido, a formación nacionalista pregunta sobre como e cando se fixo a comunicación desde a Subdirección Xeral de Arquitectura e Edificación requerindo ao Concello de Ourense que contestara se estaban disconformes coa liquidación practicada e mesmo se presentaran en tempo e forma os documentos que xustificara que a liquidación non se correspondía coa obra executada e certificada.
“O Concello de Ourense explica que presentou alegacións apoiándose nas certificacións de obra aprobadas até xaneiro que ascenden a un total de 949.324,84 euros do total da anualidade” explica o deputado do BNG. Esta execución supón 80% do total requirido nun primeiro momento por parte do executivo e, sumado ao posíbel cambio de criterio do MITMA a respecto das prórrogas da subvención, a formación nacionalista entende que se pode chegar a un acordo entre administracións para só devolver 20%, a porcentaxe da subvención que non chegou a executarse nin xustificarse.
De non ser así, a devolución da totalidade da subvención suporía “un grave prexuízo para as arcas municipais. Así mesmo, a organización frentista quere coñecer se despois deste conflito entre o MITMA e o Concello está en risco o resto da subvención procedente de 1.5% cultural para o remate da obra de rehabilitación da Praza de Abastos, e reclama un acordo que permita acabar a actuación co menor dano posíbel para as e os veciños de Ourense.