BNG leva ao Congreso a prohibición das artes de fondo en 87 caladoiros nunha pregunta ao Ministro
Néstor Rego manterá un cara a cara con Luis Planas e reclamará unha posición máis contundente do Goberno español na defensa do sector pesqueiro galego ante a Comisión Europea
O BNG traslada o seu apoio ao sector pesqueiro que está a convocar mobilizacións para esta semana en contra do fechamento dos 87 caladoiros ás artes de fondo
O Bloque Nacionalista Galego trasladará a situación do sector pesqueiro galego na sesión de control ao Goberno do Estado esta cuarta feira no Congreso. O deputado da formación nacionalista, Néstor Rego, demandará ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación levar a cabo todas as medidas e actuacións necesarias para que a Comisión Europea rectifique a decisión de fechar 87 caladoiros nas augas comunitarias do Atlántico ás artes de fondo. A organización nacionalista alerta de que esta decisión afectará de maneira moi negativa a frota pesqueira da Galiza, á que traslada todo o apoio nas mobilizacións convocadas para esta semana.
Após dúas semanas de se coñecer a decisión en firme da Comisión Europea de prohibir a pesca con arrastre en 87 caladoiros do Atlántico e ante a actitude dubitativa e pouco firme do Goberno do Estado, a organización nacionalista decide trasladar este asunto á sesión de control interpelando o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación e demandando unha posición máis clara e contundente.
En opinión da frente nacionalista, esta decisión “é gravemente prexudicial para a frota pesqueira galega e para a economía do noso país”. O segmento de frota que utiliza artes de fondo podería perder até 75% das súas capturas, o que a abocaría a paralizar a actividade “e a pór en risco centenas de postos de traballo directos e moitos máis indirectos”, sinala Rego.
Alén do máis, a Comisión Europea, explica o deputado nacionalista, non a sustenta en informes científicos actualizados que a xustifiquen. “O BNG é partidario da sustentabilidade ambiental dos recursos mariños mais cremos que calquera decisión deste tipo debe apoiarse en informes científicos e informes de impacto socioeconómico que non existen neste caso” afirma o deputado.
“Reclamaremos ao Ministro unha posición moito máis clara e contundente. Non é de recibo estar aínda a estas alturas dubidando de se presentará recurso” finda Rego. O deputado nacionalista insiste na necesidade de desenvolver “toda a acción política necesaria para conseguir que a Comisión rectifique e que esta medida quede sen efecto”.
Paralelamente, o deputado do BNG no Congreso manifesta todo o apoio da organización ao sector pesqueiro que xa se está a mobilizar en contra da decisión da Comisión Europea.