BNG leva ao Congreso a mellora da seguranza viaria na N-640 en Caldas de Reis
Néstor Rego reúnese con representantes das ANPA do CPI Alfonso VII, do IES Aquis Celenis e o Club Acuático Umia para falar dos graves problemas de seguranza no entorno destes centros
A frente nacionalista defende unha reforma integral da rúa José Salgado co obxectivo de asegurar o entorno a través da ampliación de beirarrúas, redutores de velocidade, semáforos, pasos peonís...
O Bloque Nacionalista Galego avanza o rexistro de iniciativas no Congreso para a mellora da seguranza viaria da N-640 ao seu paso polo termo municipal de Caldas de Reis, sobre todo no tramo onde se atopan os centros escolares e o club acuático Umia. A frente nacionalista defende unha actuación integral na rúa para convertelo nun entorno máis seguro para as persoas a través da ampliación das beirarrúas, a instalacións de redutores físicos de velocidades, a instalacións de semáforos ou novos pasos peonís.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo unha reunión con representantes da ANPA do CPI Alfonso VII, da ANPA do IES Aquis Celenis e membros do Club Acuático Umia. Pola frente nacionalista tamén participaron no encontro o portavoz municipal do BNG en Caldas de Reis, Manuel Fariña, o concelleiro, Xosé Manuel Fariña, a responsábel local, Jeniffer Iglesias, e militantes da organización.
“A rúa José salgado é unha das principais entradas á vila de Caldas e o lugar onde se atopa o principal polo educativo e diversas instalacións deportivas, como o pavillón ou a piscina municipal” explica o voceiro do BNG en Caldas de Reis. Para Manuel Fariña, esta entrada á vila está condicionada pola falta de seguranza viaria co paso continuado de vehículos, incluso pesados, a velocidade excesivas.
“Presentamos diversas iniciativas no pasado, tanto a nivel municipal como no Congreso mais, na cámara baixa, o propio PSOE –partido que goberno a vila- se nega a resolver este problema” lembra Fariña. De facto, o BNG presentou unha emenda aos Orzamentos do Estado de 2023 para a urbanización e o calmado do tráfico, valorada en medio millón, mais os partidos que compoñen o Goberno do Estado votaron en contra.
Agora, a frente nacionalista decide lanzar unha nova ofensiva institucional e social co obxectivo de conseguir a mellora da seguranza viaria da zona. A comezar, segundo anuncia o deputado do BNG, polo rexistro de novas iniciativas no Congreso para que “o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realice unha actuación integral no entorno dos centros e facer un lugar máis seguro para as persoas”.
“Entendemos que se deben ampliar as beirarrúas para que, por exemplo, un carro de bebé poida acceder ao colexio Alfonso VII, ou que se instalen lombos para que os vehículos reduzan a velocidade ao seu paso por este tramo da vila” destaca o deputado, Néstor Rego. Alén do máis, na actuación integral que defende a formación nacionalista tamén se recolle a proposta para a instalación de novos semáforos e pasos peonís que favorezan a fluidez e garantan a seguranza dos peóns.