BNG leva ao Congreso a mellora da N-547 no tramo Arzúa-Melide
A Proposición non de Lei nacionalista non saíu adiante polo voto en contra dos partidos do Goberno
“O Partido Socialista e Podemos terán que explicar por que non están a favor da proposta que a veciñanza de Arzúa e Melide reclaman desde hai tempo” subliña Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, critica a oposición de PSOE e UP durante a votación da Proposición Non de Lei presentada pola organización nacionalista na Comisión de Seguranza Viaria. A iniciativa, que reclamaba a reforma integral da N-547 entre Arzúa e Melide con actuacións urxentes no trazado, a sinalización así como a mellora no firme das travesías das dúas vilas, non foi aprobada polos votos en contra das organizacións que conforman o Goberno. Na iniciativa obxecto da votación tamén se reclamaba rematar, no menor tempo posíbel, os tramos pendentes da A-54 que conecta a cidade de Santiago coa de Lugo, que reducirían o tránsito polo centro de Arzúa e Melide.
Durante o debate da iniciativa presentada polo BNG en que instaba ao Goberno do Estado a intervir o tramo da N-547 entre Arzúa e Melide, o deputado nacionalista destacou que nesta estrada “concéntranse até catro puntos negros para o tráfico e prodúcense un elevado número de accidentes”. Para a organización nacionalista, é preciso levar a cabo accións para corrixir o trazado do firme, sinalización e as medidas que se consideren necesarias para reducir o perigo da vía, en especial nos núcleos de Ribadiso, A Portela, Boente e Barreiro.
Rego tamén demandaba a actuación urxente, por parte do executivo estatal, na travesía que atravesa o casco urbano de Arzúa “para dar solución á actual situación intenso tráfico que pon en risco o tránsito de peóns e viandantes, ademais de xerar atasco”. Esta situación, explica Rego, tamén está a producir “ruído e vibracións que repercuten negativamente na fachada dos edificios e dificulta a vida da veciñanza”.
Así mesmo, o deputado incidiu na necesidade de axilizar as obras da A-54 para así reducir o tráfico rodado no casco urbano das vilas de Arzúa e Melide. Mais PSOE e UP votaron en contra tamén de instar o Goberno a rematar, o antes posíbel, os tramos pendentes de construción da A-54 que conecta as cidades de Santiago de Compostela e a cidade de Lugo.
“O PSOE e UP terán que explicar por que vetan a proposta que a veciñanza de Arzúa e Melide reclaman desde hai tempo. O MITECO xa levou a cabo algunha actuación, é certo, pero non poden escudarse na renovación da sinaléctica ou colocación de semáforos, e na promesa de execución dun futuro proxecto na travesía de Arzúa para dicir que está todo feito. É preciso acometer con urxencia unha mellora integral da vía que inclúa actuacións nos puntos perigosos e a atención especial ao firme nas travesías” denuncia o deputado nacionalista.