O BNG lanza un póster de Ana Pontón apelando ao cambio galego
Forma parte da campaña para redes e, cunha imaxe icónica de estética cómic, proclama o “cambio galego” e chama a conseguilo baixo o lema “we can do it!”
A ilustración á da muralista Lidia Cao, xove creadora de Ordes de proxección internacional
O BNG lanza un póster da candidata á Presidencia, Ana Pontón, que pretende converter en imaxe icónica da campaña apostando por un retrato con estética de cómic nun formato dirixido ás redes sociais, onde a líder nacionalista ten un elevado nivel de seguimento e coñecemento, con milleiros de seguidores e seguidoras coas que interrelaciona a diario e de xeito directo.
A imaxe vai acompañada dunha das mensaxes centrais da campaña: o cambio galego, subliñada cunha apelación directa á facelo posible a través da frase we can do it!, en liña con outra das ideas claves do discurso de Ana Pontón nesta cita coas urnas: o cambio real é posible da man do BNG se todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza se mobilizan de forma masiva o 12 de xullo.
E implica tamén unha referencia directa ao empoderamento das mulleres, simbolizado nunha candidata que aspira a facer historia converténdose na primeira muller presidenta de Galiza. De feito, o we can do it! é amplamente utilizada polo feminismo como slogan reivindicativo nunha das súas imaxes pop máis recoñecibles. É o momento de ter unha muller presidenta, nun contexto en que hai políticas convertidas en referentes do que as mulleres poden aportar cunha maneira diferente de exercer o liderado, tales como a congresista por Nova York, Alexandria Ocasio-Cortez, a presidenta de Nova Zelanda, Jacinda Arden ou a primeira ministra de Finlandia, Sanna Marín.
A ilustración é autoría de Lidia Cao, unha xove artista de Ordes muralista de excepción, nun novo exemplo da aposta do Bloque polo talento e a creatividade do país á hora de transmitir as súas mensaxes de campaña, seguindo a pauta do que ben facendo a formación desde que Ana Pontón asumiu o liderado.
A propia autora explica que as cores empregadas, -un fondo de azuis que rememoran a luz dun amencer-, “fan referencia a un novo día, a un novo tempo que está por vir, a unha nova Galiza xunto a Ana Pontón”, ao igual que os motivos vexetais, “unha alegoría duns brotes dándolle valor a nosa terra e apostando polo noso”. O BNG lanzará unha tirada limitada do póster para agasallar as persoas que acudan aos mitins durante a campaña.