O BNG lanza unha campaña para denunciar que o PP elimina a denominación de orixe dos produtos do mar
Dito doutro xeito: o PP galego propuxo a eliminación da denominación de orixe galega nos produtos do mar. A proposta, que obviamente foi votada en contra pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, resultou aprobada polo Parlamento europeu que a incorporou en forma de emenda á nova normativa de etiquetaxe dos produtos pesqueiros e marisqueiros, quer en fresco quer en conserva.
Novo regulamento da OMC
Esta normativa fai parte do novo regulamento sobre a Organización Mundial do Comercio que se insire na nova Política Común de Pesca.
A eliminación da denominación de orixe galega traerá consecuencias gravísimas para o sector pesqueiro galego porque os produtos do mar de Galiza teñen un enorme prestixio e, consecuentemente, unha alta cotización no mercado decorrente da súa grande demanda.
Fraude aos cidadáns e dano ao sector pesqueiro
Non informar aos consumidores sobre a orixe dos produtos do mar provocará dous efeitos perversos: en primeiro termo, representa unha fraude para as cidadáns e os cidadáns, que teñen todo o dereito do mundo a saber que comen e de onde procede e, en segundo lugar, acarretará perdas para o sector pesqueiro galego, pois a denominación de orixe é un valor engadido evidente para os produtos galegos que os fai cotizar, pola súa alta demanda, a un prezo máis alto do que os seus competidores. Tanto é así que é coñecida a fraude que se pratica cando algúns comercializadores queren facer pasar por galegos produtos do mar que non o son.
O silencio de Feijóo
Esta iniciativa do Partido Popular -que non foi desautorizada polo presidente da Xunta- retrata á perfección o tipo de política pesqueira que este partido promove: o desartellamento do sector en Galiza e a utilización da pesca galega como moeda de cambio en troca doutro tipo de intereses alleos ao noso País.
O BNG vai lanzar nos próximos días unha campaña informativa para que a sociedade galega coñeza estes feitos e os poda valorar na súa xusta medida. Unha campaña tamén de denuncia política para conseguir no máis curto prazo de tempo a revogación desta medida tan lesiva para os intereses galegos.
En todo caso, a Xunta de Galiza ten competencias para ditar normas que obriguen a que, unha vez que se comercializen en Galiza, si se identifiquen como galegos os produtos pesqueiros e marisqueiros. Un Goberno do BNG desde logo lexislaría de imediato nesa dirección.