BNG lamenta o voto en contra do PP para mellorar a seguridade viaria e peonil nas entradas á vila de Cee
Daniel Pérez reclamou un proxecto de urbanización e humanización da C-552 na saída cara A Coruña, garantir a seguridade dos peóns nas estradas AC-445 por Estorde (Cee) e recta da Anchoa (Fisterra), a instalación de pasos de peóns e a redución de velocidade
Criticou o “desleixo” do goberno coa Costa da Morte con continuos incumprimentos, unha autovía sen rematar, a invasión de proxectos eólicos, e os problemas do transporte público en toda a comarca
O deputado nacionalista, Daniel Pérez lamentou que, unha vez máis, o Partido popular vetara a iniciativa do BNG para instar á Xunta a: licitar no ano 2023 a elaboración do proxecto de urbanización e humanización da C-552 na saída do centro urbano cara A Coruña, dende a rotonda “do Lar” até o “Cruce de Roget”, e actuar sobre a C-550 para transformar as entradas á vila de Cee mellorando, desta maneira, a seguridade viaria e peonil.
Por outra banda, o texto defendido por Daniel Pérez incluía adoptar, de xeito inmediato, as medidas necesarias para mellorar a seguridade viaria dos peóns nas estradas AC-445 ao seu paso por Estorde (Cee) e na recta da Anchoa (Fisterra), coa instalación de pasos de peóns e redución de velocidade.”
Tras a intervención do portavoz popular, Rubén Lorenzo que non anunciou ningún compromiso ante as reclamacións do BNG, Daniel Pérez criticou a inacción do goberno para resolver unha situación que está a crear un grande prexuízo de “inseguridade” a poboación e afirmou que esta é unha nova mostra “do desleixo” do Goberno galego coa Costa da Morte.
Neste sentido, enumerou as múltiples carencias que xa foron denunciadas en diversas ocasións polo BNG no Parlamento galego entre as que destacou, os incumprimentos reiterados do PP dende a súa chegada á Xunta hai catorce anos como: non acometer obras imprescindibles para a mellora na seguridade no porto de Malpica ou eternizar o remate da autovía da Costa da Morte. Pérez tamén se referiu á negativa dun porto mixto en Corcubión e “promover e consentir” unha invasión de proxectos eólicos que ameazan o patrimonio natural, paisaxístico, e o potencial turístico de toda a zona litoral.
O nacionalista tamén se referiu á cronificación do inicio das obras da circunvalación de Carballo e os graves problemas de conexión e transporte público en toda a comarca. A todas estas eivas, dixo, hai que engadir outros tres casos de problemas de seguridade viaria e peonil en vías de titularidade pública. Por un lado, explicou resulta imprescindible que o goberno galego actúe nas estradas C-552 e a na C-550, (coñecidas como Avenida de Fisterra e Avenida Fernando Blanco), que constitúen as principais arterias de comunicación do concello de Cee e que contan con un historial de sinistralidade tristemente coñecido. Son reiterados, no tempo e no espazo, os atropelos en ambas vías. A causa deses atropelos atopámola, na maior parte das veces, na falta de seguridade para os peóns.
Ao seu xuízo, urxe que o “goberno galego asuma de inmediato a urbanización da C-552 dende a rotonda do lar até o cruce de Roget, así como construír nese tramo espazos peonís naquelas zonas onde non existen e cunha grande afluencia de bicicletas e peóns ante a proximidade de comercios e supermercados”.
“Urxe a eliminación da sinistralidade” e que as autoridades competentes reforcen a seguridade viaria nos tramos mencionados e o goberno debe dar unha resposta ás reclamacións dos veciños e veciñas afectados, concluíu.