O BNG lamenta a "traizón" do PP á cidadanía de Lugo en materia sanitaria
O deputado do BNG, Cosme Pombo pediu a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera polo seu "desprezo" á Iniciativa Lexislativa Popular que reclamaba a posta en marcha dos servizos de Hemodinámica durante 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA
Pleno. Hoxe, afirmou o parlamentario nacionalista,Cosme Pombo, non estamos de parabéns porque a Proposición de lei que imos votar non ten nada que ver coa Iniciativa Lexislativa Popular" avalada por máis de 42.000 sinaturas. Esa ILP, a máis apoiada na Historia de Galiza, foi emendada, desvirtuada e rebaixada de contido polo Partido popular durante o seu trámite parlamentario.
O parlamentario pediu a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera polo seu desprezo e falta de respecto ás reclamacións da cidadanía de Lugo para contar con servizos sanitarios como o resto d@s galeg@s.
A Proposición de Lei, explicou, só tiña un artigo:Engadir un novo artigo á Lei de Saúde de Galiza para que todas as provincias galegas dispoñan dun servizo de hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, garantindo así estas prestacións en igualdade de condicións para toda a cidadanía residente en Galicia pero, unha vez máis, o Partido popular burla a xusta demanda de 42.000 persoas.
Tras saudar a unha representación da Comisión promotora da Iniciativa Lexislativa popular presentes no pleno dende a tribuna pública, o deputado lembrou que o pleno do 25 de marzo o Parlamento galego mostrou o seu o apoio unánime a ILP polo que reclamou a mesma posición por respecto á vida, e a tod@s @s lucenses.
O BNG rexeita o ditame da comisión
O nacionalista censurou que o PP non respectara o único artigo da Proposición de lei defendida pola Iniciativa Lexislativa popular polo que anunciou a súa rotunda oposición ante o que considerou unha nova discriminación e trato inxusto na atención sanitaria de doentes coronarios e dos que precisan tratamentos contra o cancro na provincia de Lugo. Tras cinco anos, explicou, o HULA non conta con servizos de hemodinámica durante 24 horas, radioterapia e medicina nuclear, servizos básicos e vitais para unha poboación de máis de 350.000 persoas, envellecida, moi dispersa, nunha orografía complicada e con invernos ben duros.
Feijóo incumpre as súas promesas
O parlamentario lembrou que o propio presidente da Xunta prometeu, en febreiro de 2011, á cidadanía de Lugo a posta en marcha dos servizos, sen embargo, durante o seu mandato, máis de 5.000 pacientes tiveron que viaxar fora da provincia para a realización de cateterismos provocando unha maior perda de vidas no traxecto por non poder recibir o tratamento sanitario na provincia.
O BNG lamenta, dixo, que moitas/os lucenses sexan marxinados dos servizos sanitarios e que Feijóo e o PP non asuman o compromiso reclamado pola cidadanía lucense mediante a ILP. Foron vostedes incapaces de respectar o seu contido, denunciou.
Consideramos fundamental poder chegar ao HULA antes de 120´ para que os casos de IAM poidan ser tratados canto antes e evitar mortes. A realización de máis de 1.000 cateterismos na provincia de Lugo xustifican este servizo.
Con esta Proposición de lei, concluíu, o PP quere lavar a cara a Feijóo sen comprometerse a poñer en marcha os servizos demandados.