parlamento galego

BNG lamenta que, unha vez máis, o PP vote en contra dun plan de futuro estable para o naval vigués

Carmela González
Carmela González

Carmela González critica que a Xunta se limite só a  “apoiar e acompañar” facendo  propaganda dun plan industrial  que non existe

Afirma que son precisos proxectos que manteñan en Galiza aos  traballadores especializados para potenciar o naval na Ría de Vigo

 A deputada do BNG, Carmela González lamentou que, unha vez máis, o Partido popular votara en contra da iniciativa nacionalista sobre medidas concretas para garantir o futuro e estabilidade do sector naval na Ría de Vigo.

Na defensa da iniciativa, a parlamentaria do BNG lembrou que os  traballadores e traballadoras de Metalships levan en folga desde o pasado 28 de setembro contra o  despedimento dunha trintena de compañeiros e compañeiras, dos que cinco  pertencen ao  Comité de Empresa. Ao seu xuízo, este despedimento representa “unha represión sindical” e amosou o apoio do BNG ás  mobilizacións e reivindicacións do persoal do  estaleiro.

Neste sentido, reclamou ao Goberno galego, “con competencias en industria e emprego” que inicie as accións  necesarias para “garantir a continuidade da construción e reparación naval e o mantemento do emprego en Metalships”.

O último barco construído neste estaleiro, explicou a deputada,  foi o Sea Cloud Spirit que se comezara a construír na extinta Factoría Naval de Marín e que foi completado nas instalacións de  Metalships a partir de 2018. Desde o ano 2021, en que este veleiro foi entregado as gradas de Metalships teñen a súa actividade reducida unicamente á reparación naval, o que resulta insuficiente para o mantemento e funcionamento do estaleiro.

As perdas millonarias nos últimos exercicios (4,5M€ en 2021 e 2,2M€ en 2022) indican que Metalships atravesa unha complexa situación económica , que xunto coas incertezas que provocan os anuncios da dirección primeiro sobre a súa venda, logo sobre a garantía de carga de traballo e sobre a ampliación das instalacións, activaron todas as alertas.

Por outra banda, engadiu Carmela González ,   Estaleiros San Enrique atravesa unha situación semellante. Metalships e San Enrique, recalcou,  son dous dos estaleiros de maior tamaño na Ría, os dous  instalados en terreos portuarios de Vigo e na práctica están “sen carga de traballo e corren o risco real de desaparecer”.

10.000 postos de traballo perdidos no sector naval vigués desde que goberna o PP

A deputada criticou que o  Goberno Galego continúe de  “perfil e sen facer nada”,  para evitar a desaparición dos estaleiros e lembrou que “desde  a chegada do PP ao Goberno Galego no ano 2009 destruíronse 10.000 postos de traballo no sector naval vigués”.

Tal e como repetiu en múltiples ocasións o anterior conselleiro de Industria e actual deputado en Madrid, o Sr. Conde, o goberno do presidente Rueda  limítase a “acompañar e apoiar” ao sector, que por suposto é necesario, mais non suficiente, recalcou.

“É preciso poñer en marcha a elaboración dun plan industrial e financeiro, con capital público-privado”, que garanta un horizonte de estabilidade no sector. O que seguro que non vale e seguir de perfil, sen facer nada, limitándose a “acompañar e apoiar” como fai o Goberno Galego, mentres o naval vigués segue sen recuperar a capacidade produtiva e o  emprego.

Finalmente, a deputada do BNG trasladou á portavoz do PP, Teresa Egerique a necesidade de convocar a Mesa do Naval para trazar a folla de ruta e elaborar “o plan industrial e financeiro” co fin de garantir a estabilidade e futuro do sector e criticou que a portavoz popular anunciara proxectos especializados cando en realidade, dixo, a nacionalista, os traballadores continúan marchando a outros estaleiros ante as precarias condicións laborais. En Vigo, concluíu, “queremos vivir da industria” e desde o BNG seguiremos reclamando un plan industrial para potenciar o sector naval.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG