BNG lamenta que o Ministro de Pesca non se comprometa a medidas compensatorias para o sector pesqueiro
“Señor Ministro, se esta crise afectase á banca xa teríamos un plan de rescate sobre a mesa. Para a pesa, onde está?” pregunta Rego
Néstor Rego exixe a Luís Planas solicitar a suspensión cautelar e despregar toda a presión política posíbel ante a decisión da Comisión Europea de fechar 87 caladoiros ás artes de fondo
O BNG chama a crear unha frente común contando con todas as administracións implicadas, cos sindicatos e co propio sector pesqueiro
O Bloque Nacionalista Galego, durante a sesión de control ao Goberno do Estado, solicitou ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación maior contundencia ante a decisión da Comisión Europea de prohibir as artes de fondo en 87 caladoiros do Atlántico. O deputado nacionalista, Néstor Rego, entende que presentar o recurso “é imprescindíbel, mais insuficiente” e reclama articular unha frente común de todas as administracións, os sindicatos máis representativos e o propio sector pesqueiro. Alén do máis, demanda ao executivo estatal, en colaboración coa Xunta de Galiza, pór en marcha medidas compensatorias para o sector mentres dure o veto.
Néstor Rego, reclamou ao Ministro de Pesca, Luís Planas, emprender accións e medidas contundentes ante a decisión da Comisión Europea de pechar 87 caladoiros ás artes de fondo, unha medida que terá un impacto moi negativo sobre a actividade da frota galega. “O segmento de frota que utiliza artes de fondo na Galiza perderá a maior parte das súas capturas, abocando a moitos buques ao cesamento da actividade e ao despezamento, e xerando a perda de centos de postos de traballo directos, moitos máis indirectos” alerta.
Así mesmo, Rego entende que o anuncio do Ministro de presentar un recurso “é imprescindíbel, mais insuficiente” e urxe presentar “a solicitude para a suspensión cautelar da decisión tomada pola Comisión Europea” posto que, se non se fixer, entrará en vigor o vindeiro día nove. “É necesario despregar toda a presión política posíbel e cremos que o Goberno pode facer máis, moito máis, incluído articular unha frente común das administracións, o sector e os sindicatos representativos -a CIG, por exemplo, xa avanzou a presentación de recurso e o chamamento ás mobilizacións que na Galiza comezan este sábado” destaca o deputado do BNG.
Por outra banda, explica que é “indispensábel pór en marcha medidas compensatorias mentres dure a prohibición de pescar nesas zonas” e, para isto, debe existir unha coordinación entre o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza. O deputado do BNG lamenta que o Ministro de Pesca non se comprometese a desenvolver estas medidas e reclama a presión do Estado para que, sobre novos informes -incluíndo estudos de impacto socioeconómico- a Comisión revise a súa decisión e retire o veto. “Señor Ministro, se esta crise afectase á banca xa teríamos un plan de rescate sobre a mesa. Para a pesa, onde está?” pregunta Rego.