BNG lamenta que o goberno “mire para outro lado” e non se comprometa a regular a descarga dos encoros
Afea o desinterese da consellería do Mar por non ter en conta aos centos de mariscadores e mariscadoras que levan dous meses parados e agardando unha solución
A deputada do BNG, Rosana Pérez lamentou que a directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo eludira responder a pregunta formulada pola nacionalista sobre a necesidade de “poñer en marcha un protocolo” para regular a descarga dos encoros, na súa opinión , unha das causas do incremento da mortaldade de bivalvo nas rías durante a época de choivas.
Na súa intervención, a deputada do BNG indicou que a Consellería do Mar vénse negando sistematicamente, ao igual que o Grupo Popular votando en contra das propostas do BNG, a elaborar “un protocolo de desaugamento e limpeza dos encoros”, competencia do Goberno galego, agás os da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
A día de hoxe, explicou a deputada, seguimos preguntando “cal é a razón pola que a Xunta non quere elaborar ese protocolo”.
A consellería do Mar, recalcou a deputada “non da explicacións” e limítase, como fixo hoxe na Comisión de Pesca, a responsable de desenvolvemento pesqueiro limitándose a describir unha realidade que afecta a actividade marisqueira pero sen aportar ningunha medida.
Rosana Pérez engadiu que existe abundante lexislación que obriga a consellería a “velar pola calidade das augas e incluso lles permite condicionar a explotación dos encoros se consideran que son un risco para as persoas e bens situados augas abaixo ou se se puideran provocar alteracións na calidade das augas”. O proio Plan Hidrolóxico de Galiza-Costa 2021-27, en vigor dende febreiro deste mesmo ano, confirma que de producirse alteracións na calidade das augas poden “provocar danos á fauna e flora, e en particular ás poboacións de peixes e especies protexidas”.
A Xunta ten competencias exclusivas, segundo a Lei de Augas de Galiza, nas augas das concas hidrográficas intracomunitarias, para ordenar e planificar a xestión das augas e dos usos e aproveitamentos hidráulicos. Igual que as teñen para adoptar medidas e instrumentos de xestión e de protección dos recursos hídricos e dos ecosistemas acuáticos e terrestres vinculados á auga e non pode persistir na escusa de que “chove moito”.
Os baleirados, remarcou a deputada afectan á salinidade da auga e esta opera sobre a “mortaldade do marisco”.
A situación é “grave” pero a consellería parece no se consciente de que miles de mariscadoras e mariscadores permanecen paradas nas rías na principal campaña do ano, a do Nadal, e están agardando unha resposta “que non chega” por parte do goberno.
Destas últimas choivas, pero non só destas últimas, hai incluso probas gráficas do baleirado dalgún encoro coincidindo coa baixamar. E a Xunta de Galiza non é quen de investigalo. Unha vez máis, “desenténdese absolutamente das súas obrigas”, reprochou.
Tras a intervención da directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo que coincidiu coa parlamentaria do BNG na grave situación do marisqueo e asegurou que se están a realizar estudos para avaliala a deputada replicou que urxe axilizar os estudos para que non se eternicen igual que a concesión de axudas ás persoas que xa levan “máis de dous meses” agardando por unha solución.
Vostedes, reitero Rosana Pérez, teñen competencias exclusivas sobre os encoros e sobre o marisqueo pero cando teñen competencias nalgunha materia “non fan nada” e nesta limítanse a dicir “que chove moito” e poñéndose “descaradamente ao lado das eléctricas”.
A deputada acusou ao goberno de “soberbia” por reclamar, unha e outra vez, as competencias exclusivas sobre o litoral e ao mesmo tempo “ser incapaz de exercer as que xa teñen”. A mínima oportunidade que se lles presenta xa as queren devolver ao Estado, concluíu.