O BNG lamenta que PSOE e PP no Congreso non se solidarizasen cos traballadores e traballadoras de Alcoa
O BNG expresa a total solidariedade cos traballadores e traballadoras da Nissan e denuncia que as principais forzas políticas españolas rexeitasen estender a solidariedade aos traballadores e traballadoras de Alcoa após o anuncio da empresa de fechar a planta de aluminio de San Cibrao.
O Partido Popular terá que explicar por que os deputados e deputadas galegas non fixeron valer os intereses do noso país para reclamar o mesmo trato para Alcoa.
Ante a iniciativa do PSOE de dirixir unha carta ao presidente da Nissan para lle solicitar que renunciase á deslocalizacion e mantivese a actividade en Cataluña, o BNG trasladou ao Partido Socialista a disposición a asinar mais reclamou que o mesmo tratamento e dese ao persoal da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao despois do anuncio da empresa de fechala, o que suporá o despedimento de 800 traballadores e traballadoras.
Unha vez que non houbo resposta positiva por parte do Partido Socialista, o BNG acordou non asinar a carta dirixida ao presidente da Nissan por considerar que se estaba diante dunha clara discriminación por parte das forzas do Goberno ao noso país e aos intereses do pobo galego.
Tampouco vimos que o Partido Popular se lembrase dos traballadores e traballadoras de Alcoa e de reclamar o mesmo trato para esta empresa ubicada na Galiza. O Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixóo, para alén de se dedicar á propaganda terá que explicar por que os deputados e deputadas galegas non fixeron valer os intereses do noso país para reclamar o mesmo trato para Alcoa.
En todo caso o BNG, para alén do xesto simbólico de apoio que supón a carta, entende que tanto PSOE como Unidas Podemos deben exercer a súa responsabilidade de Goberno para garantir a actividade empresarial e a continuidade dos postos de traballo. No caso de Alcoa é evidente que a única alternativa real de que isto sexa así é procedendo á nacionalización da empresa para que retorne ao sector público, unha posición que por certo, defendía a actual Ministra de Traballo cando estaba na oposición. O que se precisa, por tanto, é menos propaganda e máis actuacións políticas decididas por parte do Goberno para salvar os postos de traballo.
O Bloque Nacionalista Galego como forza internacionalista aproveita para expresar a total solidariedade cos traballadores e traballadoras da Nissan e para se unir á reclamación de mantemento da actividade da factoría de Barcelona e espera esa mesma solidariedade por parte de todas as forzas parlamentarias cos traballadores e traballadoras de Alcoa.