BNG lamenta que o Partido popular vete “unha vez máis ” a comparecencia de Feixóo no Parlamento
O deputado do BNG, Manuel Lourenzo lamentou que “unha vez máis” o Partido popular impida a comparecencia de Feixóo no Parlamento galego e “de maneira periódica” como solicitaba o grupo parlamentar do BNG. Tras a Xunta de portavoces, Lourenzo recalcou que a actual situación de pandemia exixe “transparencia” e non a “soberbia e prepotencia coa que actúa o PP. O BNG dixo, solicitou a comparecencia do Presidente da Xunta pero o PP volveu a exercer “un veto” que ninguén entende e que resulta “unha anomalía democrática”.
Manuel Lourenzo avanzou que na vindeira sesión plenaria, a portavoz nacionalista, Ana Pontón preguntará ao Presidente da Xunta pola estratexia de Galiza para recibir o financiamento que precisa cara unha urxente reactivación económica. Nesta liña, engadiu que Galiza “debe demandar o que lle corresponde e por todas as vías posibles”, ben sexa a través dos Orzamentos do Estado, a distribución dos fondos COVID europeos -Next Gereration- ou financiamento autonómico.
Dende o BNG, reiterou o viceportavoz 2º do grupo parlamentar, demandamos “unha estratexia de país” que defenda os intereses de todos os galegos e galegas para asumir os retos económicos aos que debemos enfrontarnos no actual contexto.
Galiza reclama o Corredor Atlántico de mercadorías
O deputado asegurou que esta infraestrutura é “estratéxica” para converter a Galiza “nun país competitivo en Europa” e lembrou que o propio comisario europeo afirmaba recentemente que “non estar no corredor é o mesmo que non existir”. Por outra parte, explicou, o PP e PSOE deixáronos fóra no 2013 e despois da revisión da Rede do 2018, “este ramal é unha infraestrutura fundamental para nós” polo que urxe contar cun Plan director para acceder aos fondos que permitan o seu desenvolvemento.
Noutra orde de cousas, o BNG levará ao pleno a apertura dun expediente disciplinario ao xinecólogo, Javier Castrillo pola súa defensa da sanidade pública no hospital de Verín. Lourenzo trasladou o “apoio e solidariedade do BNG” ao facultativo sancionado e remarcou que o BNG “non vai a tolerar persecucións políticas e intentos de silenciamento, por parte do goberno galego, das voces que discrepan do modelo sanitario da Xunta de Galiza”. O BNG non vai calar ante o desmantelamento sistemático e constante da sanidade pública, sentenciou o nacionalista.
Pedimos á Xunta que paralice de maneira “inmedidata” o expediente contra o Doutor Castrillo e que exixa responsabilidades, concluíu.