BNG lamenta a oportunidade perdida para avanzar realmente na nova Lei de Ciencia
O deputado do BNG agradece as achegas realizadas polo conxunto dos colectivos que fan ciencia e defende as emendas realizadas pola organización nacionalista
“Entendemos que sen ciencia non hai futuro e esta lei era unha oportunidade para avanzar e impulsar unha ciencia para toda a sociedade mais tamén para construír unha ciencia con dereitos” reivindica Rego
Durante o debate no Congreso da nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, o deputado do BNG, Néstor Rego, lamenta a oportunidade perdida para avanzar no fortalecemento deste sector e impulsar “unha ciencia para toda a sociedade e unha ciencia con dereitos”. Con máis de trinta emendas rexistradas pola organización nacionalista, Rego procuraba defender as competencias galegas nesta materia, garantir o retorno social do investimento, incrementar o financiamento, reducir a fenda de xénero, a inclusión do persoal técnico ou eliminar a taxa de reposición de efectivos.
“No BNG entendemos que sen ciencia non hai futuro e que, polo tanto, esta lei era unha oportunidade para avanzar e impulsar unha ciencia para toda a sociedade mais tamén para construír unha ciencia con dereitos” explica o deputado nacionalista. Rego entende que, a pesar de que existen avances no texto resultante da ponencia, o BNG defendeu a necesidade de mellorala a través das máis de trinta emendas presentadas pola formación nacionalista que, infelizmente, non foron aceptadas na súa maioría.
De facto, a organización nacionalista presentou emendas en varios ámbitos. Un primeiro, para garantir as competencias galegas nesta materia e a capacidade para deseñar unha política propia que estabeleza as prioridades en materia de I+D+i e atenda as necesidades específicas da Galiza. Un segundo bloque de emendas que procuran garantir o retorno social dos investimentos públicos, tanto na escolla dos proxectos ou liñas de investigación como no acceso aos avances e innovacións financiados polo sector público e sen que prime en exclusiva o rendemento económico.
“Emendas para garantir dereitos e rematar coa precariedade dos colectivos de investigadores e de investigación. Por exemplo, a emenda sobre a investigación biomédica -similar á 250 aprobada en comisión e que o PSOE tentou tombar-, ou a emenda sobre a carreira profesional dos OPIS, a eliminación da taxa de reposición de efectivos, equiparar o salario de investigadores predoutorais, incluír o persoal técnico e de xestión, a indemnización nos contratos predoutorais de maneira retroactiva” enumera Rego.
Alén do máis, o BNG tamén propuña incrementar a financiación pública até 2% “para chegar a ese 3% estabelecido” que marca a Unión Europea como obxectivo para 2030. “Tamén emendas que teñen que ver con reducir a fenda de xénero, como recolle a Lei Ángeles Alvariño -que o BNG impulsou no Parlamento de Galiza- que está en vigor no noso País” reivindica o deputado. A organización nacionalista propuña estabelecer medidas correctoras á hora de facer avaliacións para compensar o tempo en que a persoa investigadora estivese de baixa por maternidade, paternidade ou lactación, así como a baixa por embarazo, adopción ou acollemento e mesmo nos tempos de ausencia por violencia de xénero ou acoso.
“Quixemos ser a voz dos colectivos que fan ciencia e agradecemos as achegas que nos quixeron enviar diversos colectivos, como Investigal, unha asociación moi activa na Galiza” explica o deputado nacionalista. Con todo, e dado que as emendas fundamentias que o BNG presentou foron rexeitadas pola maioría dos partidos do Goberno, a frente nacionalista non pode apoiar este Proxecto de Lei porque, a pesar de existiren avances, acabou por resultar unha oportunidade perdida para un maior avance. “O BNG absterase” conclúe o deputado do BNG no Congreso.