congreso

BNG lamenta a falta de compromiso do Goberno para completar a variante exterior de Ourense

Néstor Rego

Néstor Rego avanza o rexistro de novas iniciativas nas Cortes do Estado para que o executivo execute o tramo Seixalbo-Estación de Ourense da variante ferroviaria

“A súa intervención non despexa as dúbidas e a preocupación que pode haber na cidadanía de Ourense e agardo que o fagan canto antes” di Néstor Rego á Secretaria Xeral de Transporte Terrestre

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou a falta de concreción e compromiso do Goberno para informar sobre as actuacións que completen a variante exterior de Ourense. No concreto, Rego pediu á Secretaria Xeral de Transporte Terrestre que aclarase as intencións do executivo a respecto da ausencia de plans e actuacións no tramo Seixalbo-Estación de Ourense mais o alto cargo do Goberno non resolveu nin despexou as dúbidas da cidadanía galega. Neste sentido, Rego anuncia o rexistro de novas iniciativas para reclamar ao Goberno completar a variante exterior, incluíndo o tramo que non ten contemplado o Ministerio de Transportes.

Na Comisión de Transportes do Congreso, Néstor Rego formulou unha pregunta á Secretaria Xeral de Transporte Terrestre en relación á variante exterior de Ourense. “A día de hoxe podemos dicir que a alta velocidade chega até Taboadela porque a partir de aí atópase o trazado tradicional que obriga a reducir a velocidade dos trens de 300 a 100 km/h” indica o deputado nacionalista.

O que preocupa ao BNG é que no plan de vías de ADIF para a construción da estación de Ourense “non figura o último tramo que vai desde Seixalbo até a propia estación”. Após varias iniciativas da organización nacionalista, o Goberno traslada que está a traballar activamente nas dúas fases entre Taboadela e Seixalbo mais “non se menciona o último tramo”.

“O Ministro de Transportes presentou as actuacións do Corredor Atlántico de Mercadorías e, entre as actuacións que recollían, figuraba o tramo Taboadela-Seixalbo mais non o tramo entre Seixalbo e a estación de Ourense” afirmou Rego. Lamentabelmente, a Secretaria Xeral non informou nin concretou ningunha actuación a respecto do tramo polo que preguntou o deputado do BNG. “Se non se executa este tramo, do noso punto de vista, estaríase impedindo que a alta velocidade chegase á estación de Ourense” subliña Rego.

En resposta á falta de información e compromiso por parte da Secretaria Xeral de Transporte Terrestre, o deputado nacionalista avanza o rexistro de iniciativas para que o Goberno asuma o compromiso de completar esta infraestrutura, contemplando actuacións no tramo Seixalbo-Estación, así como cambiar a vía de ancho ibérico a ancho internacional na conexión Ourense-Santiago.