BNG interpelará no Congreso ao Ministro de Transportes sobre o rescate da AP-9 após o informe elaborado pola UDC
Néstor Rego: “O Goberno debe proceder de forma inmediata ao rescate da AP-9 e rematar con esta estafa legalizada. Agora fica claro que o impedimento non é o diñeiro, é cuestión de vontade política”
As cifras sobre o rescate da AP-9 son evidentes: 904,7 millóns, segundo o estudo encargado polo BNG á UDC, moi por debaixo dos 4 000 M€ barallados en declaracións de Puente ou entre 1 612M e 2 355M€ do estudo da Xunta, realizado por unha empresa vinculada a AUDASA.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelará no vindeiro pleno da cámara baixa o Ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente, sobre a disposición do executivo de proceder a rescatar a Autoestrada do Atlántico. Despois de ser presentado o informe encargado polo BNG á UDC que cifra en 904,7 M€ o rescate e concluír que a concesión foi ilegal, Rego exixirá a Puente o compromiso do Goberno para pór fin á “estafa legaliza que supón as peaxes da AP-9” porque, segundo o deputado do BNG, recuperar a autoestrada “é posíbel e é viábel” só é “cuestión de vontade política”.
“Durante os últimos meses -por non dicir anos- púidose ver un baile de cifras sobre o posíbel rescate da AP-9 que non correspondían coa verdade. Se recordamos, 4 000 M€ dos que falaba o goberno de M. Rajoy; 4000 e mesmo 6000 das declaracións do actual Ministro do PSOE, pasando polo estudo encargado pola Xunta -a unha consultora con relación directa con Audasa- que cifra o rescate entre 1 612 M€ e os 2 355 M€” sinala o deputado do BNG.
En opinión de Néstor Rego, eses datos inflados teñen como único obxectivo introducir a idea na cidadanía da imposibilidade de rescatar esta autoestrada. Agora “fica demostrado que non hai un impedimento económico; todo o contrario, o rescate é máis beneficioso para as arcas públicas que manter a concesión. É, por tanto, unha cuestión de vontade política” evidencia Rego.
O estudo da UDC pon “negro sobre branco” as vantaxes do rescate
O BNG presentou a pasada semana un informe que encargou á Universidade da Coruña sobre a situación xurídica e o custo dun posíbel rescate da AP-9 co obxectivo de dar resposta a dúas preguntas: É ilegal a prórroga da concesión de 35 anos da Autoestrada do Atlántico, é dicir, é ilegal a prórroga de dez anos aprobada primeiro polo goberno do PSOE e a de 25 anos aprobada polo PP despois? E, como segunda cuestión, canto custa rescatar a AP-9?
O informe, elaborado polos profesores de dereito da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich e José Antonio Blanco, conclúe que a concesión directa da ampliación é ilegal “porque viola a normativa europea e mesmo a española”, así como os principios de igualdade e de transparencia na contratación pública. Ademais, sobre o custo do rescate ou recuperación da autoestrada, o informe cuantifícao en 904,7 M€ porque, ao tratarse dun contrato ilegal, e por tanto anulábel, a concesionaria non tería dereito a indemnización por lucro cesante, tal e como recolle o Tribunal Supremo nunha sentenza ditada en 2022.
Rematar coa estafa legalizada é sinónimo de aforro para as arcas públicas
O estudo elaborado pola Universidade da Coruña recolle que as peaxes na sombra pendentes de pagamento entre 2024 e 2048 ascenden a 2 844,5 M€, cálculo realizado en base ao ditame do Consello do Estado de 2021. Unha cantidade que é enorme e, polo tanto, rescatar a Autoestrada do Atlántico non sería simplemente beneficioso para os galegos e para as galegas, senón que tamén o Estado aforraría aproximadamente 1 940 M€, 953 millóns se se descontan os ingresos estimados por IVE e polo Imposto de Sucesións que xeraría a empresa.
O segundo dato relevante que achega o informe encargado polo BNG está no custo de conservación e mantemento, que ascende segundo a propia concesionaria a 11,8 M€ anuais, unha cifra “perfectamente asumíbel”.