O BNG interpela ao Goberno sobre o sistema de préstamo universal dos libros de texto
Cosme Pombo asegura que só a través deste sistema pode garantirse o ensino obrigatorio básico en Galiza
O deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu un ensino obrigatorio galego, gratuíto, laico e potenciador da identidade galega.
Defendemos unha rede única do ensino público porque é un dereito fundamental das persoas usuarias deste servizo, a lexislación debe garantir o ensino plural, democrático e non suxeito a idearios, engadiu.
Na súa intervención asegurou que o BNG reclama un ensino básico gratuíto e un sistema de préstamo universal de libros de texto como garantía desa gratuidade fronte os recortes de profesorado e axudas para bolsas e libros.
A LONCE provocará máis agonía económica ás familias con menos recursos
Pretenden, denunciou Pombo, poñer en marcha un programa con urxencia, a pesar dos problemas que vai provocar, hai familias, explicou, nunha situación económica límite como denuncia o propio informe de Cáritas. A aplicación da LONCE obriga a cambiar os textos o que supón un gasto inasumíbel e no contexto socieconómico no que estamos, resulta imposíbel que as familias sen ingreso ningún podan acceder ao libros.
Hai que retomar o préstamo universal dos libros de texto e material didáctico para garantir a gratuidade do ensino básico obrigatorio en Galiza, recalcou o nacionalista.
Neste sentido, o deputado do BNG preguntou se o Goberno galego prevé no curso 2014-2015 por en practica as recomendacións do defensor do Pobo, a Defensora del Pueblo, AMPAS e sindicatos para retomar o sistema de préstamo universal e avanzar na gratuidade total de todos os medios utilizados no ensino público.
Jesús Vázquez compara o préstamo de libros de texto co café para todos
Pola súa parte, o conselleiro amosouse contrario a aplicar o café para todos e dar gratuitamente libros á xente que pode pagalos ao que o nacionalista respondeu que a propia defensora del Pueblo afirma que o sistema de préstamo de libros é máis económico e solidario que as axudas.
Cosme Pombo concluíu afirmando que dende que goberna Feijóo hai mais exclusión social e o ensino inflúe polo que reiterou a súa pregunta sobre se a consellería de Educación reclamará os fondos previsto na Lei Wert para investimento. O conselleiro manifestou que non está disposto a pagar libros ás persoas que os poden pagar.