BNG insta á Xunta a utilizar o Estatuto da Muller do Rural para rectificar as situacións de desigualdade das mulleres na sociedade rural
A parlamentaria do BNG, Carme Aira instou á Xunta de Galiza, utilizar o futuro Estatuto da Muller Rural para rectificar as distintas situacións de desigualdade entre homes e mulleres na sociedade rural.
A través dunha pregunta ao goberno, a nacionalista aludiu a tres ámbitos vinculados a aspectos vitais: “o rol das mulleres como coidadoras e responsables de servicios básicos, as diferencias na formación, fenda salarial e recursos económicos e o acceso ás axudas da PAC, ao que sumou a violencia de xénero.
A respecto da perpetuación de roles de xénero, afirmou que non existe un “traballo profundo de concienciación da sociedade rural, para contribuír á corresponsabilidade e superar a posición social que condiciona a división do traballo por sexo”.
Por outra banda, explicou que as “tarefas domésticas, o coidado das crianzas e das persoas maiores ocupan unha segunda ou terceira xornada de traballo para as mulleres do rural, e os servizos básicos públicos non sempre son os adecuados” e criticou que a Xunta continúe presumindo do número de casas niño (89) e casas do maior (83) que anuncian que serán 120, ao final do ano. Nesta liña, puntualizou que todos estes servizos “son privados” e mesmo algunha casa niño provocou o peche de Puntos de Atención á Infancia.
Sobre a Fenda salarial lembrou que o IGE reflicte unha diferenza de 3.970 euros entre homes e mulleres, desigualdade que tamén se produce no cobro de pensións, “os homes perciben a pensión integra nun 80% fronte un 5% das mulleres”.
A maiores, dixo, “só 18 mulleres se deron de alta como cotitulares nunha explotación dende o 2012, cando a estimación é que 35.000 mulleres traballan en granxas familiares sen estaren dadas de alta”.
Máis da metade das mulleres atópanse “nunha zona de sombra” chamada poboación inactiva e todos e todas sabemos, “que sen dignidade económica non existe dignidade persoal e igualdade”, aseverou.
A xuízo da nacionalista, os esforzos na formación son moi necesarios e o recoñecemento da formación non reglada e certificados profesionais terán que servir para acadar “máis salario, máis estabilidade no emprego e mellores condicións laborais”.
Carme Aira tamén se referiu ás axudas da PAC das que son perceptoras, o 57% cobrando un 40% menos que os homes, “9.736 euros fronte a 4.106”, unha diferencia de 5.630 euros que resulta superior ao que elas perciben.
Cuestión relevante, dixo é a participación feminina nos Grupos de Desenvolvemento Rural, cunha presidencia nos grupos maioritariamente masculino e falta de paridade na súa conformación. “Urxe aplicar a perspectiva de xénero na aprobación dos proxectos”, afirmou.
Finalmente, a deputada do BNG preguntou á Secretaria de Igualdade , Susana Abella polas medidas contra a violencia de xénero e a súa aplicación.
Tras a intervención da titular de Igualdade, Carme Aira insistiu na importancia de “discriminar positivamente ás mulleres que se incorporan á actividade agraria” e aproveitar a oportunidade do Estatuto da Muller Rural como unha oportunidade para avanzar nos dereitos laborais e sociais das mulleres do rural.