O BNG insta á Xunta a recorrer a lei de Costas ante o Constitucional

Ana Pontón denuncia a intención do Goberno de consolidar Ence-Elnosa a través da reforma da lei

A portavoz de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do BNG, Ana Pontón presentou hoxe en sede parlamentar, unha Proposición non de lei na que insta ao Goberno galego a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a lei de protección e uso sustentábel do litoral e modificación da lei de Costas.

A nacionalista afirmou ante os medios de comunicación que na actualidade, existen cinco comunidades autónomas-Canarias, Pais Vasco, Cataluña, Andalucía e Austurias- que xa anunciaron a presentación de recurso.

A deputada lembrou que o BNG amosou o seu rexeitamento á reforma da lei por “privilexiar intereses privados fronte o carácter público da costa” e non albiscar unha solución para o recoñecemento dos núcleos rurais afectados.

Pontón tamén criticou que o Goberno galego utilice a lei co fin de fomentar “a especulación e privatización” do litoral así como a consolidación de industrias contaminantes como o complexo Ence-Elnosa na ría de Pontevedra.

Por outra parte, censurou o “carácter centralizador da lei” e a invasión de competencias exclusivas de Galiza en materia de urbanismo e ordenación do litoral.

Paso atrás na protección da costa galega

A parlamentaria cualificou de “paso atrás” a modificación da lei de Costas, aprobada recentemente, e lembrou que despois de Canarias, Galiza é o territorio que conta con máis quilómetros de Costa de todo o Estado.

Neste sentido, reiterou que a Xunta debe presentar o recurso para defender as competencias galegas e dar resposta aos problemas “prolongados no tempo” e con graves prexuízos para miles de galegos e galegas.

Ana Pontón asegurou que a reforma da lei resulta “regresiva e inxusta” porque non recoñece a “singularidade galega, vulnera a autonomía local e o principio de igualdade ao establecer tratos diferentes e inxustificados nalgúns núcleos, concluíu.