O BNG insta á Xunta a intervir para garantir os postos de traballo e viabilidade de Sargadelos
Olalla Rodil reclama accións urxentes contra a vulneración dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras de Sargadelos
A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de Industria, Francisco Conde sobre as accións que emprenderá a Xunta para garantir os postos de traballo e viabilidade da empresa Sargadelos.
A parlamentaria do BNG lembrou que o propietario da empresa, Segismundo García presume públicamente de “vulnerar os dereitos laborais, perseguir traballadoras, incumprir 262 leis, despedir 49 persoas” e de ser “amo, dono e señor de Sargadelos” unha marca, que para a nacionalista é moito máis que un centro de traballo, “é cultura, identidade, e País”.
Desde o BNG dixo Rodil, estamos enormemente preocupadas polo futuro de Sargadelos porque a “actitude medieval” deste empresario está poñendo en risco o futuro da planta en Cervo e arrastrando polo chan a imaxe dun símbolo que ergueron, con traballo, con esforzo e con compromiso galeguista : Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.
Sargadelos foi até hai ben pouco, engadiu a deputada, “sinónimo de vangarda artística, a bauhaus galega, símbolo de renovación das formas, de innovación” e agora ocupa páxinas nos xornais de todo o estado porque o seu principal propietario quere convertela “nun reduto do feudalismo”.
Desde o BNG consideramos que ningún empresario pode actuar impunemente vulnerando os dereitos das súas traballadoras e traballadores, e moito menos facelo de maneira reiterada coa conivencia ou silencio cómplice da Xunta. “A Xunta debe e pode actuar” recalcou Rodil que tamén lembrou que Sargadelos, ademais dunha empresa cultural emblemática, recibiu ao longo dos últimos anos importantes cantidades de diñeiro público para reflotar a empresa, en total un millón e medio de euros dende o ano 2010, entre eles, “un crédito vinculado ao mantemento dos postos de traballo” procedente de Xesgalicia.
Ao mesmo tempo que a empresa recibía recursos públicos, o cadro de persoal de Sargadelos soportou dous EREs extintivos, “un deles ilegal” e un concurso de acredores. Dende o mes de agosto, vinte persoas foron despedidas da planta de Cervo.
A nacionalista reclamou que a Xunta estude as vías posibles para blindar os postos de traballo e garantir os dereitos laborais.