O BNG insta á Xunta a iniciar accións legais para recuperar os bens espoliados en Galiza por Franco
Luís Bará tacha de “botín de guerra, espolio e roubo” os bens incautados pola familia Franco e pide que sexan devoltos ao patrimonio cultural galego
O deputado do BNG, Luís Bará demandou hoxe, a través “instar á Xunta de Galiza a demandar do Estado que exercite as accións administrativas e legais oportunas para os efectos de recuperación posesoria e de oficio para o patrimonio público do Pazo de Meirás, e para tal efecto comprometer a colaboración da Xunta de Galiza.”
Bará explicou que tras 40 anos de Ditadura e 40 dun réxime, “que se di democrático”, a realidade é que a familia Franco segue gozando de numerosos bens, títulos e privilexios. Entre eles, dixo destaca polo seu simbolismo, o Pazo ou Torres de Meirás, declarado Ben de Interese Cultural polo goberno da Xunta no ano 2008. “Esta anomalía histórica, impensábel en calquera réxime democrático europeo”, recalcou o deputado, aínda é máis ofensiva polo feito de que este espazo está a ser utilizado pola familia e pola Fundación que leva o nome do Ditador para facer apoloxía da Ditadura, do xenocidio e da figura de Francisco Franco.
O Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as figuras do Pórtico foron espoliados nun contexto de guerra, e chantaxe nos anos 36, 37, 38 e 39 coa colaboración das elites coruñesas, “foi un botín de guerra” e o resultado dunha acción para beneficiar ao ditador e a súa familia, durante a Ditadura e despois dela. A familia Franco segue desfrutando de títulos nobiliarios, “unha auténtica vergoña”. A Transición, denunciou o parlamentario, mantivo silencio e impunidade ante crimes do franquismo. Pola súa parte, a familia Franco contou coa connivencia da Xunta que ao subvencionou con 53.000 euros a apertura do Pazo. A postura do PP, remarcou, sempre foi ambigua como a que mantén coa Memoria histórica. “O PP, non acaba de colocarse no lado da democracia, da reparación e o respecto das vítimas do franquismo”. A vostedes preocúpanlle máis as vítimas da División Azul.
O deputado aludiu ao informe histórico-xurídico elaborado polos profesores da USC. Emilio Grandío, Manuel Pérez Lorenzo e na parte xurídica, Xavier Ferreira e Miguel. R. Fernández ao que sumou a iniciativa da Deputación da Coruña para Comisión pro devolución do Pazo polo que volveu a pedir o apoio da Cámara para a proposta do BNG.
O PP pide prudencia antes de iniciar medidas para a devolución do Pazo de Meirás
A portavoz popular, María Antón pediu prudencia e agardar polas conclusións do Comité de expertos antes de iniciar calquera medida para a devolución do Pazo de Meirás e dos bens incautados pola familia Franco ao que o nacionalista replicou que o PP “defende unha cousa na Deputación da Coruña e a contaría no Parlamento galego”. Bará reiterou que a proposta do BNG “ten plena licenza reclamando que a Xunta de Galiza actúe” e emprenda accións legais sobre un Ben de Interese Cultural (BIC) así como abrir un expediente sobre o propio BIC. “O BNG basea a súa proposta no acordo aprobado por unanimidade na Deputación da Coruña”.
Finalmente, o deputado lamentou que o Partido popular rexeitara a proposta do BNG baseada nun informe Histórico e xurídico, ao seu entender, “difícil de superar” porque marca de maneira clara o camiño para a recuperación dese ben, concluíu.