BNG insta á Xunta a implantar medidas para resolver a fenda de xénero no rural que nas axudas da PAC supera o 50%
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego medidas “coherentes, cohesionadas e avaliadas” que permitan resolver a fenda de xénero no ámbito rural, onde é máis do 50% en canto, por exempolo, ás axudas da Política Agraria Común (PAC).
Así o afirmou a portavoz nacionalista de Desenvolvemento Rural, Carme Aira, quen nunha pregunta parlamentaria tamén avogou por asegurar o acceso das mulleres aos recursos suficientes para garantir a cotitularidade das explotacións, promover a igualdade nos órganos de dirección das distintas organizacións do sector, incluso facilitar a paridade nos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), “para que se poidan valorar os nosos proxectos segundo o merecen e dende unha perspectiva de xénero”.
Segundo recalcou, se o rural non mellora social, demográfica e economicamente, non o vai facer a muller dentro del, polo que demandou do Goberno do PP “vontade política” á hora de poñer os recursos necesarios para poder mudar aquelas “cuestións que non están ben”.
Neste sentido, advertiu que a solución para as mulleres do rural non pasa polo incremento do tamaño dos seus negocios ou granxas, senón por que as institucións lles recoñezan as súas particularidades produtivas. “A igualdade non pasa por forzar dende as institucións que as mulleres se incorporen a producir seguindo modelos masculinos, senón que son os modelos masculinos os que teñen que abandonar esta condición para incluír os modos produtivos das mulleres”, puntualizou.
Aira tamén engadiu nesta mesma liña que, se resulta difícil modificar as políticas da PAC xestionadas sobre todo por homes ou mulleres con concepción masculinas, parece de igual xeito facelo coas políticas que desenvolve o Executivo galego e que non son acaídas para a poboación feminina do rural, “tal e como demostran as axudas COVID, que excluían ás explotacións por baixo de 10 cabezas, probablemente a inmensa maioría rexentadas por mulleres”.
Logo de advertir que entre 2035 e 2064 un total de 96 concellos galegos poderían quedar totalmente deshabitados e que solo a incorporación da muller ao mundo rural podería paliar esta situación, a deputada nacionalista rematou a súa intervención recalcando que a sociedade non pode cargar nas mulleres a responsabilidade de acadar a igualade “porque é a sociedade no seu conxunto a que ten a obriga de garantir dereitos para todas e todos os seus membros, máis se son relativos a algo tan fundamental como é a vida en igualdade”.