O BNG insta á Xunta e Estado a activar todos os mecanismos para paliar a situación de emerxencia en Monterrei
A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, valorou a situación xerada en Monterrei após as choivas e saraibada do día 8 de de xullo e transmitiu “en nome do BNG a nosa solidariedade coa veciñanza de Monterrei e o agradecemento polo traballo das diferentes forzas de emerxencia e a colaboración veciñal que evitaron que a traxedia fora meirande”.
Para o BNG “á espera de que se poida facer unha limpeza e unha avaliación pormenorizada dos danos, a xuízo do BNG é fundamental que de forma inmediata Xunta e Estado activen todos os mecanismos posibles para paliar os danos económicos e materiais da comarca de Monterrei, pois estamos a falar dunha situación excepcional que xustifica a declaración de Zona Afectada Gravemente por unha emerxencia de protección civil conforme contempla a Lei 17/2015 estatal de Protección Civil.” Así mesmo, a deputada entende que “a Xunta debe implicarse e colaborar cunha liña directa de axudas.”
Noa Presas sinalou que “este é o momento de atender a urxencia pero haberá que facer unha reflexión colectiva primeiro, de como a degradación do monte polos lumes agravou o lavado das ladeiras e segundo, de como un modelo irracional de xestión dos ríos que pasa por Madrid impediu que estivera limpo e acondicionado como debera empeorando a situación. Cómpre aprender para o futuro e que as administracións responsábeis invistan na reparación e coidado do territorio”.