BNG insta á Xunta a crear unha mesa de diálogo permanente coas entidades bancarias para recuperar a atención presencial
Fernández criticou a decisións de numerosos operadores bancarios de pechar oficinas e limitar a atención presencial, coa súa consecuente perda de emprego, inseguridade e fenda dixital para as persoas maiores e colectivos vulnerables
O portavoz de Industria emprazou a acadar unha atención “universal, de calidade e segura” nos servizos bancarios
O BNG emprazou á Xunta hoxe no Parlamento a establecer unha mesa de diálogo coas entidades bancarias que operan en Galiza para recuperar a presencialidade nas sucursais da banca no País, cuxos efectos xa son palpables a nivel social, de acceso á propia banca e en relación á fenda dixital das persoas maiores e colectivos vulnerables.
O portavoz de Industria, Ramón Fernández, denunciou as problemáticas que os peches das entidades bancarias provocan na sociedade galega, como é o traslado do emprego cualificado a cidades como Madrid, “e non só os de dirección, que xa estaban concentrados alí, senón os que teñen a ver co soporte tecnolóxico do novo modelo de negocio e de prestación dos servizos”, criticou. Unha redución do número de oficinas que ten que ver “coa concentración do negocio bancario en poucas entidades que ademais se comportan como un auténtico cartel en canto a comisións, xuros, prácticas de venda, atención ao cliente”, denunciou.
De feito, Fernández aproveitou para advertir que accións como o permiso de fusión a Caixabank e Bankia, permitida polo goberno central, provocan “que todos e todas nós, consumidores digamos domésticos, sexamos consumidores virtualmente cativos e cativas”. Unhas condicións que dificultan a colectivos como o autónomo “acceder ao crédito”, en contraposición “ás grandes corporacións que negocian a outro nivel e dispoñen doutros mecanismos de financiación”.
O deputado do BNG criticou a actitude dun sector bancario que está a gañar grandes beneficios e que, ao cambio, non están a repercutir en oficinas de proximidade e accesibles para toda a cidadanía, senón todo o contrario, “como é o caso do Banco Santander”, sinalou, que gañou no ano 2022 9.605 millóns de euros, “o mellor resultado da súa historia”, remarcou, cun saldo con 271 oficinas pechadas; o Sabadell, con 859 millóns de beneficios, “o segundo mellor resultado de toda a súa historia, só por detrás do ano 2009”, con 49 oficinas pechadas nos últimos cinco anos; CaixaBank, con 69 sucursais menos; BBVA, “tamén cos beneficios máis altos da súa historia”, con 41 peches e ABANCA, que nos últimos cinco anos pechou 122 oficinas.
Ademais, o portavoz de Industria denunciou que esta situación de peches tamén afecta á propia seguridade bancaria das persoas usuarias, xa que “un 21% dos clientes financeiros admite ter sido vítima dunha tentativa de hackeo, e o 10% recoñecen que efectivamente chegou a producirse, este mesmo informe desvela ademais que máis dun 38% das vítimas de hackeos son menores de 35 anos”, argumentou.
Outro colectivo fortemente afectado, advertiu o deputado do Bloque, é o pensioista e maior, “porque un 40,5% de persoas maiores de 65 anos nunca se conectaron a internet e apenas 1 de cada 10 maiores de 75 sabe xestionar unha cita co médico cunha app ou unha web”, declarou, citando datos do Instituto Nacional de Estadística. A progresiva retirada de oficinas presenciais para a súa xestión bancaria provoca un sentimento de “frustración e tristeza”, no colectivo pensionista. Esta fenda dixital, recriminou, “ xeran persoas vulnerábeis dixitalmente”, como sucede nas contornas rurais “e tamén con moitas persoas migrantes, ou coas persoas sen fogar”.
Fronte esta situación, o BNG emprazou ao Goberno do PP a conformar unha mesa de diálogo coas entidades bancarias que operan en Galiza, proposta que obtivo a negativa dos Populares, que rexeitan desta maneira previr o posible peche futuro de aínda máis oficinas bancarias presenciais no País.