BNG insta á Xunta a comprometerse ao incremento dos orzamentos destinados á xustiza gratuíta
O deputado Iago Tabarés urxe atender as reivindicacións realizadas polas profesionais adscritas á quenda de oficio en folga dende hai máis de sete meses
O portavoz de xustiza do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento, Iago Tabarés, pediulle ao conselleiro de Xustiza que “deixe de poñerse de perfil” e se comprometa ao necesario incremento dos orzamentos destinados á xustiza gratuíta. “As profesionais da avogacía e da procuradoría adscritas á quenda de oficio están en folga en reclamación e defensa da dignificación e mellora das condicións nas que se presta o servizo de asistencia xurídica gratuíta e da quenda de oficio” sinalou.
Ante a prolongación da situación de conflito sen que conste sequera a existencia de negociacións ou dialogo sobre as posíbeis solucións ao mesmo e ante as evidentes consecuencias que está a ter no funcionamento da administración de xustiza, en xeral, con particular incidencia nas persoas máis vulnerábeis, o deputado Iago Tabarés instou ao conselleiro a “reunirse coa representación dos e das profesionais mobilizadas que levan sete meses en folga” e asuma o compromiso de incrementar significativamente os orzamentos destinados á xustiza gratuíta.
Un conflito que “pola pasividade da Xunta” provocou unha baixa masiva de profesionais en partidos xudiciais como Lalín, A Estrada, Corcubión, Cangas, Pontevedra ou “o máis dun medio centenar de avogados e avogadas de Ourense que presentaron a baixa na quenda de oficio na especialidade de violencia de xénero” subliñou Tabarés.
O deputado nacionalista salientou que o “incremento das retribucións” pola intervención profesional e a súa “actualización conforme ao IPC”, a inclusión de servizos que prestan as profesionais e que “ata o de agora non están contemplados no baremo e polos que non reciben retribución algunha”, o recoñecemento do dereito a cobertura social ou o “incremento da cantidade que a Xunta de Galiza destina aos Colexios Profesionais para a atención da quenda de oficio e do servizo de xustiza gratuíta” son algunhas das demandas que reivindican as profesionais.