O BNG insta a Sanidade a respectar os dereitos lingüísticos das persoas doentes na atención sanitaria
O BNG levará ao Parlamento a vulneración de dereitos lingüísticos no SERGAS, tras a denuncia formulada por un doente, polo trato recibido no Hospital Álvaro Cunqueiro.
A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado exixirá explicacións e responsabilidades á Consellaría de Sanidade polo acontecido no Hospital vigués e a través de diversas iniciativas pedirá “unha rectificación para respectar os dereitos lingüísticos”.
A parlamentaria do BNG explica que o SERGAS é un dos organismos da Xunta que máis denuncias recibe por vulnerar os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes. “É inadmisíbel que a administración que debe garantir o respecto dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos sexa a principal incumpridora”.
Para a nacionalista, resulta unha falta “gravísima” e “inadmisíbel” a situación vivida por un menor de idade no Hospital Álvaro Cunqueiro. Segundo a denuncia presentada pola familia, unha das pediatras que o atendeu esixiu ao menor “de moi malas maneiras” que se dirixisen a ela en castelán “porque ela non é galega”. A situación e actitude da facultativa obrigou a nai do neno a facer de tradutora.
A deputada reitera que non estamos ante “un caso illado” xa que o SERGAS é un dos organismos públicos “que máis denuncias recibe cada ano da cidadanía por vulneración de dereitos lingüísticos como reflicte anualmente o informe do servizo A Liña do Galego posto en marcha pola Mesa pola Normalización Lingüística”.
Prado lembrou que o pasado ano 2018, a Liña do Galego tramitou 303 queixas, das que un 12% estaban relacionadas co Servizo Galego de Saúde. “É alarmante, preocupante e inadmisíbel que a mesma administración pública que debe defender e velar pola garantía dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes así como promover o uso normalizado da lingua galega en todos os ámbitos, públicos ou privados, sexa a principal incumpridora”, denunciou.
Neste sentido, engadiu que o informe confirma que das máis de 300 queixas recibidas, case a metade das reclamacións, un 46%, refírense á administración pública, destacando entre elas as dirixidas aos concellos, 36%, ao Servizo Galego de Saúde un 12% e á propia Xunta de Galiza o 33%.
O Estatuto de Autonomía de Galiza recoñece que “a lingua propia de Galiza é o galego” e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é “lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración” e o artigo 6.3 da Lei insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns, explicou.
“Os dereitos lingüísticos son dereitos fundamentais e ninguén pode ser discriminado por usar a lingua propia deste país”, concluíu.