Congreso

O BNG insta a Ministra de Industria á intervención pública de Alcoa

Néstor Rego, nunha interpelación urxente no Congreso, reclamou a nacionalización da planta de Alcoa para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo. Reyes Maroto, a pesar da solicitude expresa do deputado nacionalista, non se pronunciou sobre a intervención pública.

O deputado do BNG abordou a crise industrial da Galiza en diferentes sectores, para os que reclamou solucións, desde o sector naval en Vigo e Ferrol até a industria electrointensiva pasando pola necesaria transición xusta para As Pontes e Meirama. Rego defendeu que é preciso un Plan de Reindustrialización da Galiza que dea impulso á actividade económica no noso País e xere emprego e benestar.

O portavoz do BNG, Néstor Rego, presentou no Congreso unha Interpelación urxente á Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para que expuxese as medidas que prevé o Goberno para dar solución á crise industrial en Galiza.

“A situación de crise industrial que vive o noso país, Galiza, é consecuencia das políticas realizadas -por acción ou por omisión- por quen ten a responsabilidade de gobernar” salientou Néstor Rego, que repartiu as responsabilidades entre o Goberno do Partido Popular e de Núñez Feixóo na Xunta de Galiza, "que abdicou de realizar calquera tipo de política industrial realmente relevante, a pesar de ter as competencias" e o Goberno español que, ademais de manter importantes competencias en materia industrial, "reserva para si a competencia exclusiva sobre o sector enerxético".

No contexto da crise industrial en diferentes sectores, a situación de Alcoa centrou boa parte do debate. Rego cualificou a situación da planta de San Cibrao como altamente preocupante e que exixe solucións urxentes, especialmente despois de que na Mesa multilateral realizada neste martes, 23 de xuño, non houbese ningún acordo. O deputado nacionalista considerou o plan presentado polo Ministerio como "un punto de partida, mais que necesita dúas premisas: a aceptación por parte de Alcoa e a concreción urxente dos mecanismo de implementación” explicou.

Mais, para o BNG é aí onde está a principal dificultade, na negativa de Alcoa a dar marcha atrás nos seus plans de fechamento da planta. Precisamente por iso, Rego considerou que, se a empresa se mantiver na negativa a negociar ou a vender, só fica como alternativa a intervención pública para a nacionalización da planta de forma que se garanta a continuidade da actividade e dos postos de traballo. "O BNG defende esta solución desde a certeza de que non hai ningún impedimento legal para facelo e de que depende só da vontade política do goberno. Os traballadores e traballadoras de Alcoa, a comarca da Mariña e Galiza, non entenderían que, existindo solucións non se puxesen en marcha. Para o BNG, superar esta profunda crise industrial e lanzar un Plan de reindustrialización de Galiza é fundamental para o noso futuro” destacou o deputado nacionalista.

Néstor Rego abordou tamén a situación da antiga Alcoa A Coruña, agora Alu Ibérica, sobre a que pende tamén a incerteza tras a venda "fraudulenta" a Parter -"que non cumpriu os compromiso en relación ao plan industrial"- e posteriormente ao Grupo Riesgo, ao que cualificou como "de dubidosa traxectoria". O deputado nacionalista defendeu que, tamén neste caso e se os novos investidores non ofrecen garantías de estabilidade da actividade na Coruña, é precisa a intervención pública da empresa.

A Ministra Reyes Maroto, a pesar de o deputado do BNG a emprazar explicitamente a pronunciarse, evitou pronunciarse e non se comprometeu coa intervención pública para salvar as plantas de aluminio, algo que Rego considerou "preocupante e decepcionante".

Por outra parte Néstor Rego instou o Goberno español a cumprir o seu compromiso coa industria electrointesiva do noso país e a aprobar un Estatuto do Consumidor Electrointensivo que realmente supoña unha solución para o sector, é dicir, que garanta un prezo estábel, predicíbel e asumíbel. “É necesario mellorar o borrador presentado, actuando sobre a peaxe de transporte -polo menos no caso das Comunidades produtoras excedentarias como Galiza, aí está a proposta do BNG dunha Tarifa Eléctrica Galega-, cunha bonificación de 100% e tamén coa suba ao 100% as bonificación dos cargos xa previstos e complementariamente elevando ao máximo permitido a compensación por CO2” salientou o deputado nacionalista.

Rego sinalou que a crise afecta a distintos sectores dentro do xa escaso tecido industrial galego. “É verdade que, con especial incidencia no sector da industria electrointensiva, mais non só” salientou Rego, que puxo como exemplos diferentes empresas que pecharon ao longo do ano 2019 como Isowat na Coruña ou Poligal en Narón, tamén un estaleiro histórico da Ría de Vigo como Vulcano, que pechou as súas portas tras máis de 100 anos de actividade.

No caso da construción naval, o BNG propón unha intervención decidida para buscar unha solución estábel e duradeira para Barreras e para recuperar a actividade nas antigas instalacións de Vulcano, empezando por manter e prorrogar no seu caso a concesión de dominio público -imprescindíbel para viabilizar a actividade do estaleiro- e que o Presidente da Autoridade Portuaria, do Partido Popular, pretende suspender para dedicar o espazo a terminal de contedores.

En referencia a Navantia, Néstor Rego salientou que o recente encargo de 62 jackets para instalacións de eólica mariña supón un respiro, á espera de iniciar a construción das fragatas F110, mais subliñou que “a capacidade e as potencialidades das instalacións da Ría de Ferrol están desaproveitadas”. O BNG defende que Navantia Fene e Ferrol pode e debe converterse nun Complexo Industrial Integral que diversifique a súa actividade mais que a sustente especialmente na construción naval civil. “Non se entende que aínda se manteña o veto político a abrir Navantia da Ría de Ferrol a un sector que, con todas as dificultades polas que está pasando, ten grande potencialidade e abre expectativas de actividade máis estábel e continuada que é, xustamente, o que estamos necesitando” destacou Rego.

En relación coas térmicas, o BNG defende a necesidade da transición ecolóxica e de camiñar cara á descarbonización da economía, mais esa transición debe realizarse con xustiza social. Os nacionalistas ven necesarios plans de substitución económica para as comarcas de Cerceda e As Pontes para poder concertar Convenios de Transición Xusta que realmente supoñan a reactivación económica e a creación de postos de traballo que permitan recuperar o dinamismo destes dous Concellos. “O que é importante, que posibiliten un futuro para os seus habitantes que non sexa abocalos ao paro ou á emigración” enfatizou Néstor Rego dende a tribuna do Congreso.