Congreso

BNG insta o Goberno a restituír a liña de tren Avant Ourense - A Coruña con parada en Compostela

acto estacion de tren

Néstor Rego denunciou que se aproveitou a redución de liñas ferroviarias durante o confinamento para suprimilas permanentemente. Entre elas, a conexión Avant entre Ourense e A Coruña con parada en Compostela.

O deputado nacionalista instou o Goberno español a mellorar e ampliar as frecuencias, así como, a oferta horaria deste tramo e reducir polo menos en 30% o seu prezo para poñer fin ao abuso actual.

O BNG leva anos denunciando a folla de ruta do Goberno español en materia ferroviaria, que parece firmemente orientada a desmantelar os servizos de transporte público de Galiza.

O Bloque Nacionalista Galego insta o Goberno español a restituír de forma inmediata a liña suprimida de tren Avant entre Ourense e A Coruña con parada en Santiago de Compostela que saía ás 6:45 de Ourense. Así como, mellorar e ampliar as frecuencias e oferta horaria deste tramo e reducir polo menos en 30% o seu prezo para poñer fin ao abuso actual.

Recentemente, ante a supresión temporal de varias liñas pola falta de pasaxeiros durante os meses de confinamento debido á redución da mobilidade, aproveitouse para suprimir permanentemente varias liñas ferroviarias que ían ser restituídas unha vez se levantase o estado de alarma. Unha das que transcendeu recentemente a súa supresión é a conexión Avant entre Ourense e A Coruña con parada en Santiago de Compostela das 06:45, un tren que daba servizo a moitas persoas que estudan ou traballan nestas cidades.

Néstor Rego sinalou que “esta decisión abunda nunha articulación do tren Avant que é claramente constituínte dun agravio co pobo galego e particularmente coa poboación de Ourense, contribuíndo ao seu illamento en materia de transportes e camiñando en dirección contraria das necesidades dunha parte do noso país con graves problemas demográficos e económicos”. O BNG considera que a día de hoxe, esta liña ten un prezo absolutamente abusivo, até un 60% máis caro do que traxectos similares no eixo atlántico, a pesar de experimentar un aumento de viaxeiros nos últimos anos e a pesar de ser recoñecida como un servizo público esencial.

Así mesmo, Rego salientou que “os horarios ofertados enfócanse en función das necesidades de conexión coa meseta e con Madrid, en lugar de articularse para permitir e favorecer o uso deste medio de transporte en lugar do vehículo particular para a interconexión do noso propio país”.

O BNG leva anos denunciando a folla de ruta do Goberno español en materia ferroviaria, que parece firmemente orientada a desmantelar os servizos da Galiza, cunha redución flagrante da oferta horaria e coa progresiva privatización ou peche de moitos servizos, como a venda ao público de billetes. “Lamentablemente, parece que o actual goberno socialista decidiu continuar coa política centralista aplicada polos anteriores gobernos do Partido Popular, unha política que non se corresponde coas necesidades dos e as usuarias” salientou o deputado Néstor Rego.