O BNG insta o Goberno a paralizar o recheo do porto de Vigo
O Bloque Nacionalista Galego insta o Goberno español a paralizar ou suspender as obras de ampliación da superficie do porto de Vigo da dársena de Bouzas, no Berbés, até que a Autoridade Portuaria de Vigo dispoña dunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios aprobada de maneira definitiva e firme, actualmente en fase de avaliación ambiental estratéxica.
“Este recheo, que afectará a unha superficie de 8.300 metros cadrados e cuxa solución construtiva será a dun peirao realizado con bloques prefabricados tras unha dragaxe de primeiro estabelecemento, xustifícase por parte dá a Autoridade Portuaria de Vigo de maneira xenérica alegando necesidade de espazo” explicou o deputado Néstor Rego. Con todo, o porto de Vigo tal e como coñece o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico carece na actualidade dunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), despois de resultar anulada por decisión xudicial. Por esta razón, Néstor Rego solicitou ao Goberno coñecer en base a que criterios técnicos se puido autorizar un recheo portuario cando non se dispón dunha DEUP que substancie de maneira obxectiva as necesidades de espazo da Autoridade Portuaria de Vigo.
“De feito, o proceso de elaboración dunha nova DEUP atópase na actualidade na súa fase de avaliación ambiental estratéxica, recibindo un número importante de alegacións de diferentes colectivos ambientais e sociais, que reclaman unha avaliación ordinaria e que manifestan a súa oposición, precisamente, ao proxecto de novos recheos nunha cidade que xa gañou ao mar máis de 3 millóns de metros cadrados” salientou.
O BNG considera que para que o porto de Vigo siga sendo competitivo e poida mellorar a súa actividade non é preciso seguir ocupando a lámina de auga con novos recheos, máis ben é preciso poñer en funcionamento o porto seco de Salvaterra-As Neves (PLISAN) cunha liña de ferrocarril que axilice o tránsito de mercadorías entre ambas plataformas portuarias, que potencie o desenvolvemento industrial da provincia de Pontevedra conectando os demais polígonos do interior e modernizando a liña que nos conecta con Ourense polo Miño.
Néstor Rego destacou que “este novo recheo no Berbés xerou un importante rexeitamento a nivel cidadán e institucional por parte da maioría das forzas políticas con representación no Pleno do Concello de Vigo”. Ademais das consecuencias de tipo ambiental nun ecosistema privilexiado como a Ría de Vigo, esta actuación provocará un evidente e irreparable impacto visual e paisaxístico. Ao realizarse xusto en fronte da galería da entrada do Auditorio Mar de Vigo, deseñada precisamente para permitir unha vista panorámica da Ría, supoñerá retirar un dos principais atractivos desta dotación e romper o deseño promovido polo arquitecto César Portela.