O BNG insta o Goberno español a respectar os dereitos lingüísticos dos e das investigadoras doutorais
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou que se limite a participación nos premios da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero a teses doutorais sobre violencia contra a muller para o ano 2020 a traballos presentados en español.
Segundo as bases, a finalidade de ditos premios consiste en recoñecer e recompensar ás persoas autoras de teses doutorais que coa súa investigación contribuísen a mellorar o coñecemento da dimensión, consecuencias e características da violencia contra a muller, así como os medios para evitala. No entanto, sinala Néstor Rego que “a finalidade positiva dos premios vira negativa desde o momento que teses presentadas en galego non poden acceder a eles, provocando un caso flagrante de discriminación e de conculcación de dereitos”.
O BNG entende que o lóxico é que se poidan presentar teses en calquera das linguas do Estado para que todas as investigadoras estean en igualdade de condicións e non se produzan discriminacións.
Para o deputado nacionalista esta prohibición de presentar teses noutros idiomas oficiais do Estado diferentes do español, ”parece obedecer unha vez máis ao empeño por parte do Goberno central en ignorar a realidade plurilingüe do Estado, e incumpre outra vez a Carta Europea das Linguas ao impedir o dereito dos cidadáns e cidadás a vivir e expresarse na súa propia lingua.
Rego instou a corrixir as bases destes premios para posibilitar que poidan concorrer teses doutorais presentadas en calquera das linguas oficiais do Estado e así garantir os dereitos lingüísticos de todos os cidadáns e cidadás.